Entrevista no dixital O Compás da Costa


(Na tumba de François-René de Chateaubriand. Fotografía de Mar Iglesia Cabaneiro. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Manuel Rial (@man_rial), unha das persoas responsables do dixital O Compás da Costa (compasdacosta.com) realizoume unha longa entrevista na tarde do xoves, e que xa está pendurada na rede desde o venres, para falarmos sobre o meu poemario Breizh (Toxosoutos, 2012).
O contido orixinal da conversa pódese ler nesta ligazón, na que o autor da entrevista intercala algúns haikus do libro, así como imaxes da Bretaña da súa propia autoría. Así a todo, reproduzo deseguida o texto espido da entrevista, desprovisto da excelente montaxe que realizou Manuel Rial.
BREIZH É UN DIÁLOGO ENTRE AS FISTERRAS ATLÁNTICAS” MIRO VILLAR
Escrito por manuelrial no Venres, Febreiro 22, 2013
O haikaísta atento capta a instantaneidade, tal apretar o botón da cámara.” O oitavo mandamento do haikai, de Masuda Goga, deixa ben claro en que consiste este poema. Unha pílula de literatura ben concentrada en tres versos, cunha estrutura de 5/7/5 sílabas. Estrutura que elixe Miro Villar (Cee, 1965) na súa última obra: Breizh (Ed. Toxosoutos, 2012). Nela trata de enlazar as fisterras atlánticas de Galicia e Bretaña cunhas inusuais notas de viaxe escritas ó xeito do haiku. A obra é unha das candidatas para recibir o galardón Ánxel Casal ao mellor libro de poesía, premio que entregará a Asociación Galega de Editores o 15 de marzo en Vigo.
– O haiku baséase na filosofía oriental e parece estar restrinxido para os occidentais. Como decides compaxinar esta arte do nacente para describir o poñente?
En realidade hai dúas razóns para usar o haiku ou haikai. Unha é para, como este libro é unha viaxe poética sobre unha terra estremeira occidental, poder vela dende outra terra estremeira, neste caso oriental. Ademais, como é un caderno de notas, e estas non poden ser moi detalladas, pois prestábase moi ben este formato. Como se fora unha fotografía, unha instantánea dos lugares, das persoas, das paisaxes, da arquitectura, de todo o que ves. Para iso vale perfectamente esta estrutura de condensar.
Pero despois hai outra razón. O autor do Prefácio, que é un autor portugués, António Jacinto Pascoal, que coñecera nun congreso de poetas en Coímbra, andaba a traballar daquela nunha antoloxía do haiku mundial para versionar ao portugués.  Entón pediume textos de poetas galegos, eu faleille da tradición do haiku de aquí: dos haikus heterodoxos de Uxío Novoneyra, dos máis formais de Ricardo Martínez Conde e do pouco que hai que en realidade non é moito. E seguindo esa conversa Pascoal animoume a escribir un libro de haikus.
De todas maneiras, hai quen sostén que os poetas occidentais non podemos escribir haikus, porque non estamos dotados da espiritualidade coa que afronta un oriental o haiku. Alí forma parte da tradición popular. Calquera persoa minimamente culta é escritora de haikus, escríbense centos e miles. Xa teñen cultura de haikus, algo do que nos afastamos os occidentais.
Breizh parte de varias viaxes á Bretaña francesa, pero despois segue unha “lóxica itinerante”. Cal foi a túa fonte de inspiración?
Foi a primeira viaxe. Este libro, aparte de todo o substrato sobre o haiku do que falei antes, ten unha viaxe física, que é cando por primeira vez coñezo a Bretaña nunha das viaxes organizadas polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, tendo como guías excelentes ó presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, e tamén ó que fora Director Xeral de Patrimonio en Francia, un bretón que coñece perfectamente a zona. Isto abriunos moito a ollada sobre esta xente, a arquitectura, o megalítico… É dicir, embarcarnos  fóra dunha ollada turística, que non o é, senón como un diálogo con esa cultura. Calquera persoa galega, ten na súa imaxinación estas terras estremeiras como poden ser Bretaña ou Irlanda. Son fisterras atlánticas que están moi preto de nós. A obra trata de enlazar este diálogo entre terras que son próximas. Algo do que xa falaran Castelao ou Manuel María.
– Naquela viaxe, cando tomabas notas no teu caderno, xa tiñas na mente realizar un libro de haikus?
Non, pero os cadernos de viaxes normalmente non admiten notas longas, senón que son apuntamentos. A posteriori, reflexionando sobre esa suxestión de António Jacinto Pascoal percibín que o haiku podía ser a estrofa ideal para recoller todo iso. Pola concisión, polo inmediato, porque permitiría recoller moitas das cousas que puiden observar.
– Falabas antes do sentimento atlántico. Hai quen cuestiona historicamente as relacións entre os países atlánticos, pero ti, dende o teu punto de vista, cres que existen esas conexións, non?
Na procura das fisterras atlánticas, que sempre buscan as viaxes do SEMESCOM, si que percibimos moitas das similitudes que hai entre estas terras atlánticas. Na literatura galega, dende a época Nós, sempre houbo esta fascinación por Irlanda, Bretaña ou Escocia. James Joyce chamara a atención a Otero Pedrayo só polo feito de ser irlandés. Creo que calquera galego que visite esas terras non se vai sentir alleo, fóra das sonoridades das linguas que vai escoitar. Moitas das paisaxes que visitamos na Bretaña eran como unha Costa da Morte máis coidada, máis posta en valor. Pero o substrato vén sendo o mesmo. Ademais son terras nos que o concepto do mar é moi importante. Hai toda unha serie de oficios que xiran ó redor do mar ou mesmo os faros…
– Como dis, as comparacións van ata a Costa da Morte. De feito no libro colocas a Duio na Bretaña.
Si, porque hai territorios nos que parece que estamos a vivir nun paralelo. Por exemplo, Bro Bagan vén sendo unha Costa da Morte. É unha zona moi rochosa na que tamén houbo moitos naufraxios. Tamén hai Museos do Mar, dos Faros… Pero alí teñen moita conciencia do que teñen, saben como poñelo en valor. Quizais esa é a lección que temos que aprender.
A outro nivel estamos mellor. Nalgún dos haikus fálase da lingua, do bretón, e aí si que estamos moito mellor ca eles. Alí a ensinanza do idioma está reducida á iniciativa privada, nas escolas Diwan. Son iniciativas saídas da sociedade, sen compromiso público.
– Na obra deixas entrever un continuo sentimento de melancolía. Quizais, tamén pola relación da fin da terra, do mar…?
Non sei, igual isto xa é defecto do animal. En toda a miña carreira hai unha serie de fíos comúns e un é a melancolía, pero iso ten que ver moito cos estados de ánimo que me motivan máis á hora de escribir.
– Malia que a túa obra se basea na Bretaña hai un epílogo na capital francesa. Por que decidiches incluír “Un último tango en París”?
Está incluído como un epílogo, no que trataba de des-sacralizar a imaxe de París como cidade universal, como cidade do amor, como cidade luminosa… Coincidiu que eses días que estiven alí, non vin esa cidade tan luminosa. Ademais, así tamén puiden introducir o cinema que me gusta. Precisamente nese filme París ten unha visión melancólica.
Breizh acaba de ser nominada nos Premios da Edición, algo que lle dá a túa obra un recoñecemento. Relacionado con isto, denunciabas unha vez no teu blog a pouca consideración dos libreiros da Costa da Morte coa literatura dos autores locais e a pouca relevancia que se lles dá, non?
O feito de ser finalista nos Premios da Edición non deixa de ser por unha parte unha satisfacción, pero por outra, a constancia de que hai moi bos libros de poesía. E calquera dos outros cinco nominados son libros que lin con pracer e dos que teño feito algunha recensión. Polo tanto, se algún deses libros sae premiado en certa maneira síntome premiado como lector.
Despois, en relación coas librerías da Costa da Morte, teñen unha estrutura industrial moi feble. Vou ser duro. Moitas veces creo que os libreiros se comportan como vendedores de zapatos, que non saben o xénero que teñen. Eu boto de menos que teñan unha implicación máis activa na defensa dos autores da Costa da Morte. Nestes momentos hai unha illa, que está xa nas estremas da Costa da Morte que é A Lus do Candil de Modesto Fraga, unha libraría moi activa, con presentacións todas as semanas. Pero por que neste caso é diferente? Porque detrás hai unha persoa que é un poeta, e entón dálle outro espírito non tan comercial. De feito a próxima presentación de Breizh será alí o venres 1 de marzo. Será o lugar escollido para darlle saída a ese territorio da Costa da Morte, se aceptamos que Arteixo é da Costa da Morte, que eu non o aceptaría.

Esta entrada foi publicada en Arte, Entrevistas, Historia, Lendas e mitos, Poesía, Roteiros, Tradicións. Garda a ligazón permanente.