Entrevista no dixital Letra en Obras, realizada por Ramón Vilar Landeira


O proxecto cultural dixital letraenobras faime unha entrevista sobre o recoñecemento a esta bitácora como «Mellor blogue literario» na XIII edición dos premios da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) 2012. O cuestionario foi realizado polo xornalista e tamén poeta Ramón Vilar Landeira e pódese ler nesta ligazón ou na reprodución que fago deseguida:
Di o Dicionario da RAG que as crebas son: “Restos de naufraxios ou cargas dos barcos que o mar arrastra ata a costa. No inverno, xente da Costa da Morte percorría as praias buscando crebas”. Miro Villar, aínda que por cuestións de traballo habite terra adentro (Comarca de Compostela), procede desa tribo (Cee, 1965) que andaba noutro tempo polas praias á procura das crebas. Quizais por iso, o poeta decidiu bautizar un libro de poemas e un seu blog co mesmo nome: As Crebas.
Cando aínda non pasou un ano da estrea deste espazo virtual, a Asociación de Escritores en Lingua Galega vén de distinguilo como o mellor blogue literario do país. Contactamos co que para moitos é un dos mellores poetas actuais. Miro Villar contéstanos a este breve cuestionario para explicarnos de onde proceden as crebas que vai atopando cada día. Dende Letra en Obras damos fe de que entre os restos do naufraxio hai auténticas pezas de ouriveiría.
-Podemos definir As Crebas coma o caderno de observacións dun poeta en terra?
Adoito facer uso da palabra do léxico mariñeiro “bitácora” para me referir ao meu blogue, porque pretende facer unha función semellante á dun caderno de bitácora. En efecto, podería dicirse que se trata “dun caderno de observación dun poeta en terra” (moi atinada a vosa definición), pois é unha bitácora cultural e literaria, con preponderancia da poesía como temática, pois alén de moitas cousas considero que son en esencia poeta. Daquela naceu para visibilizar a miña propia creación literaria nun momento en que os espazos no noso idioma estaban máis debilitados ca nunca. E xa non digamos en poesía, pois pecharon coleccións e as que existen reducíronse á mínima expresión. E tamén para dar testemuño das literaturas que me apracen (nomeadamente a sección Poemas) en calquera lingua do mundo, mais dando preferencia aos poetas amados que teñan traducións ao galego, ao portugués ou ao español. Xa logo, para dar conta doutras preocupacións varias: arte, cinema, teatro… ou incluso os roteiros que realizo en épocas de camiñada. A política tamén ten o seu lugar, mais é minúsculo a respecto dos outros temas fulcrais. En definitiva, é case un espello de min propio, para me ollar desde o outro lado do espello.
-Miro, como xurdiu esta aventura ciberliteraria que agora foi premiada pola AELG?
Permitídeme que para esta resposta reproduza parte do que dicía na primeira anotación: «Neste 28 de xuño do 2011 rompe augas este blogue persoal, na acolledora casa común de blogaliza.org. Como “crebas” chegadas ás praias da Costa da Morte, este blogue irá recollendo anotacións de creación e de crítica literaria, alén doutras reflexións.
Nace o mesmo día que morre en papel o xornal Galicia Hoxe, a única prensa diaria na nosa lingua que aínda se podía atopar na rúa. Nace, daquela, porque son tempos de resistencia e de acrecentar a presenza do idioma galego na nosa sociedade e no mundo.
Aos poucos iredes lendo diversos materiais recentes ou de épocas afastadas para gozardes da lectura ou tamén para discrepardes se fose o caso. Grazas por virdes onda estas crebas e unha aperta atlántica».
-Definitivamente, a literatura e todo o que a rodea xa está máis na rede que no propio papel?
Non o sei, mais non o creo aínda. Évos ben curioso, recibo un premio por un blogue cando sempre adoito definirme coma un “dinosauro” a respecto da rede. Amo, talvez demasiado, a literatura en papel. Na casa teño problemas de espazo por culpa dos libros que ateigan os meus andeis. Continúo a mercar e tamén a gozar dos libros como obxecto, mais aínda así é ben certo que a día hoxe xa leo tamén moita literatura na arañeira, que ten unha virtude incuestionable que é poder achegarte a calquera literatura do mundo, até da nación máis pequena, en cuestión de segundos. Poño por caso, até hai pouco nada sabía da esplendorosa poesía indíxena de México e grazas á rede coñecín esa literatura que é minorizada nos propios Estados Unidos de México (denominación oficial, por certo).
-Falar de literatura na rede sérveche tamén de vía de escape no medio doutros procesos de creación?
Abofé que así sucede. A escrita e a lectura fan parte importante da miña vida. Até hoxe procuraba o “acougo” da tensión da escrita de creación coas edicións literarias dalgún autor (as últimas: Ser auga, darse en auga, unha antoloxía poética de Bernardino Graña e Bretemada, un poemario inédito de Gonzalo López Abente), con recensións, sobre todo para a revista Grial. Pois ben, a bitácora ensanchou esa perspectiva, podo escribir doutros temas mentres non hai folgos nin “inspiración” para a creación. Son un autor moi lento na escrita, con moita revisión dos textos, con moita deserción incluso. Velaí que entre os poemarios Gameleiros (2002) e As crebas (2011) haxa case unha década, por máis que exista outro caderno poético inédito intitulado Breizh que escribín por volta de 2008. Non hai dúbida, a bitácora é tamen un “punto de fuga”.
Até cando? Non o sei. Xa comentei que naceu o pasado 28 de xuño, o mesmo día no que desapareceu dos quiosques o xornal Galicia Hoxe, mais agora xa temos na rede novos diarios na nosa lingua coma Dioivo, Praza pública e Sermos Galiza. E hai pequenos proxectos literarios (poéticos, en particular) que botaron a andar nos últimos tempos, o que me fai ser máis optimista do que hai tan só uns meses.
Finalmente, coma dixen na Cea das Letras da AELG, quixera lembrar o maxisterio que recollín en especial de tres bitácoras: asuvasnasolaina, do finado amigo Marcos Valcárcel, brétemas do editor Manuel Bragado e trafegandoronseis da profesora Gracia Santorum. Ao tempo que agradezo a existencia do proxecto blogaliza, personalizado nos poetas Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo, que acolle a todos tres blogues finalistas deste ano. Os outros son dous blogues amigos que sigo decote e que recomendo vivamente: Caderno da crítica, do crítico e profesor Ramón Nicolás, e Criticalia, do crítico e profesor Armando Requeixo.
*Unha entrevista de R. Vilar

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Entrevistas, Estudos literarios, Lingua, Poesía. Garda a ligazón permanente.