(Reelaboración a partir da nova no sitio web do Consello da Cultura Galega)
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou na tarde do mércores 18 de setembro de 2024 o recital “Entender para vivir”, no que varios autores e autoras ofreceron un diálogo polifónico que combinou xornalismo, narrativa, ensaio, teatro ou poesía para nos achegar á obra de Luísa Villalta, homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, abriu o acto no que participaron once poetas e que parte dun libro homónimo coordinado por Dolores Vilavedra.
O recital “Entender para vivir” xorde da publicación homónima que editou o CCG no pasado mes de maio, na celebración do Día das Letras Galegas e que se pode descargar de balde nesta ligazón.
Das 16 creacións (quince literarias e unha plástica) que aparecen no libro, 11 fixeron parte dun recital, no que participaron por orde alfabética Xosé María Álvarez Cáccamo, Estíbaliz Espinosa, Francisco Fernández Naval, Míriam Ferradáns, Chus Pato, Henrique Rabuñal, Román Raña, Xurxo Souto, Marga do Val e Miro Villar. Trala apertura a cargo da presidenta do CCG fixo uso da palabra a coordinadora do volume Dolores Vilavedra. Após a súa intervención tivo lugar o recitado dos textos, que rematou coa proxección dun audiovisual de creación que foi realizado expresamente para a ocasión por encarga da institución á produtora Trece Amarillo. Velaquí:
Entender para vivir
A publicación naceu como un espazo para o diálogo entre a 7obra de Luísa e un monllo selecto de persoas que, sendo referentes no sistema cultural galego, mantiveron en vida vínculos coa autora e a súa obra. Unha obra coordinada por Dolores Vilavedra que pretendía amosar a natureza intrinsecamente dinámica e expansiva dun corpus precursor e versátil como o de Luísa Villalta. Forman parte deste volume Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco X. Fernández Naval, Miriam Ferradáns, Pilar Pallarés, Chus Pato, Henrique Rabuñal, Román Raña, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xurxo Souto, Marga do Val, Eva Veiga e Miro Villar. Cada un deles partiu dun texto da obra de Villalta para crear outra peza que constitúe un diálogo polifónico co seu legado.
A obra toma o nome da pregunta hamletiana, “Entender ou vivir?”, que Luísa Villalta lanzou na súa obra Ruído e que serviu para darlle título a esta publicación. Seguindo a estrutura do libro, Vicente Araguas e Miriam Ferradáns partiron de diferentes poemas de Papagaio, obra póstuma de Luísa Villalta sobre a derruba do barrio da prostitución da súa Cidade Alta que escribiu para as fotos de Maribel Longueira.
O primeiro poemario de Villalta, que editou Ediciós do Castro en 1991, Música reservada, convocou a Chus Pato, Román Raña, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marga do Val, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez e Miro Villar. No caso de Espinosa, a súa peza vai acompañada dun poema de Ruído, obra coa que tamén dialogaron Pilar Pallarés e Eva Veiga. A proposta de Eduardo Estévez partiu do texto O estudo das sombras. Sobre Siléncio, ensaiamos construíron as súas pezas Francisco X. Fernández Naval e Xurxo Souto, quen incorporou a imaxe da dedicatoria que lle fixo a propia Villalta. A obra En concreto serviu a Xosé María Álvarez Cáccamo para o seu traballo, e Henrique Rabuñal inspirouse no texto que Luísa escribiu no primeiro número de CasaHamlet. Revista de Teatro, “As certezas de Ofelia”.
Ademais dos quince textos hai tamén unha peza de creación artística. Trátase de Irmá Luísa, Muller Faro de longa ollada, que foi bordada á man por Ana Pillado sobre unha tea antiga gardada pola familia, sobre a que Ana realizou un acrílico. A imaxe de Ana Pillado é tamén a identidade visual do CCG en todas as actividades arredor de Luísa Villalta.
Completando a anotación no sitio web do Consello da Cultura Galega engado o meu poema:
DÍPTICO CON LUÍSA
SÍSTOLE
En soneto de sons que soan sendo…
Luísa Villalta
En soneto de sons que soan sendo
sílabas somerxidas, singradura
salpedrada de sístoles, secura
de sangue, sentimentos somerxendo
os silencios, suspiros suspendendo
a sutil e sincera sinatura,
sen scherzo unha súplica supura
tal sargo na sedela sometendo.
Como a sintaxe sánscrita de Shiva
simbólica semella, simetría
silente segregando unha saliva
co seu significante en sintonía,
sedosa sempreviva, sempre viva,
soletrear Luísa e Poesía.
(Luísa é Poesía)
DÍASTOLE
Tinta do mar, escrebo, cando toca…
Luísa Villalta
Dentro dos documentos devagar,
dás co drama e a dor, Desnos debuxas
nunha deportación que desganduxas
con desesperación a denunciar.
Desnos na descuberta derrotado
discirne e determina o diapasón
da desfeita, dicir desilusión,
dorido desterrar desafinado.
E do desasosego que dubida
desde a dedicatoria delicada
desencalla o diálogo, dicires,
e o deber defenderes decidida,
con despexo e destreza demostrada,
Luísa e Poesía a definires.
(Luísa é Poesía)
Miro Villar, marzo de 2024
(Vídeo do recital no CCG)