Enrique Labarta Pose na «Ars dedicandi» do crítico Armando Requeixo

LabartaPose
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
A bitácora Criticalia, do crítico literario e profesor mindoniense Armando Requeixo, posúe entre as súas seccións unha ben interesante denominada «Ars dedicandi», na que de cando en vez vai reproducindo dedicatorias de escritores e escritoras, alternando as sinaturas de autores/as doutrora coas máis contemporáneas.
Na última, publicada hoxe 22 de xullo, recolle a un dos nosos autores aurorais da Costa da Morte. Trátase do baiés Enrique Labarta Pose (Baio, Zas, 22 de xullo de 1863 – Barcelona, 13 de maio de 1925), a quen consagrou a súa Tese de Licenciatura o noso amigo malpicán Xosé Manuel Varela Varela nunha voluminosa Obra completa, de Enrique Labarta Pose (Edinosa, 1995).
Polo seu interese para a nosa tribo, reproduzo a imaxe da dedicatoria e o erudito comentario explicativo que lle engade Armando Requeixo. Velaquí:
Enrique Labarta Pose naceu en Baio, Zas, tal día coma hoxe do ano no que Rosalía publicou Cantares gallegos. Foi, sobre todo, xornalista, e ben activo, amais de poeta de xenio humorístico. Do primeiro dan testemuño as diversas cabeceiras que entre fins dos anos 80 e os 90 do século XIX dirixiu tanto en Santiago coma en Pontevedra. Do segundo son exemplo, á parte doutros opúsculos, principalmente as páxinas de Bálsamo de Fierabrás (1889), a “Colección de versos en gallego y castellano” que lle prologou Alfredo Brañas e que foi imprentada en Madrid pola coñecida Librería de Fernando Fé.
Labarta Pose traballou na Facenda Pública e, como profesional formado no Dereito, mantivo o trato con outros avogados, como o destinatario da súa dedicatoria, Álvaro López Mora, político liberal santiagués, amigo de Montero Ríos, que, daquela, era Director Xeral do Contencioso do Estado e, polo mesmo, persoeiro público de relevo.
Fique, pois, aquí este pequeno recordatorio ao poeta que, en morrendo Curros Enríquez, o chorou con estes versos:
Tristes queixumes, por veigas, congostras e montes escoito;
semellan laios os longos runxidos dos vellos pinares;
Galicia chora, doente, ferida, cuberta de loito
polo cantore das suas ledicias e dos seus pesares.

Esta entrada foi publicada en Autografías, Estudos literarios, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.