Encontro literario coa rapazada en Cee


(Fotografías da contada organizada pola Biblioteca Municipal “Francisco Mayán” de Cee. As fotos son da autoría do xornalista Juan Ventura Lado, a primeira está tirada do xornal La Voz de Galicia e as dúas que figuran ao final foron cedidas. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Onte, mércores, 29 de maio, na Biblioteca Municipal “Francisco Mayán” de Cee, estiven a protagonizar unha nova actividade de animación á lectura dentro do programa «Ler conta moito» artellado pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Máis dun cento de nenas e nenos do colexio público CEIP Eugenio López (a ver cando lle mudan de vez este nome franquista!!!) e do colexio concertado CEIP Manuela Rial Mouzo asistiron á narración oral e lectura comentada con proxeccións dos debuxos de tres contos rimados da miña autoría: Rebelión na charca, narrado a través das ilustracións de Ana Santiso, unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e o abuso de poder; A cobiza do verme Noel, a través das ilustracións realizadas por Marta Álvarez Miguéns, sobre a maldade de atesourar todo sen partillar nada cos demais, e finalmente, Carlota e a gaivota patiamarela, a través das ilustracións de Enjamio, sobre a solidariedade nunha catástrofe provocada por unha marea negra.
Na organización estiveron José Ramón Rey Senra, bibliotecario, quen realizou o labor de presentación, e o técnico de cultura municipal Víctor Castiñeira, que se encargou da parte técnica. A crónica da actividade pódese ler nas páxinas impresas e na edición dixital do xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo, coa imaxe e o texto do xornalista Juan Ventura Lado, a quen agradezo a difusión. Deseguida reproduzo tamén aquí a información.
O escritor Miro Villar e os alumnos ceenses teñen conto para rato
J. V. LADO
cee / la voz  30 de mayo de 2013
Bastou a simulación do primeiro chimpo da «ra patilonga», para que escritor Miro Villar se metese no peto aos alumnos de primaria dos colexios Eugenio López e Manuela Rial que ateigaron o salón de actos do Concello de Cee, nunha das últimas actividades do programa das Letras deste ano encadrado dentro da campaña Ler conta moito.
O profesor, poeta e crítico literario demostrou que, ademais de crear historias, sabe transmitilas sobre todo se ten en fronte aos rapaces, un dos seus públicos predilectos e ao que están dirixidas boa parte das súas creacións.
Onte arrincou a súa achega ao fomento da literatura entre os máis pequenos coas ensinanzas morais de Rebelión na charca, un conto no que os sapos pagan cara a súa fachenda ao ser descubertos por un rato que confunde o dado do engano cun anaco de queixo.
Coas ilustracións desta obra e das feitas para acompañar o relato A cobiza do verme Noel conseguiu meter aos escolares dentro das historias para facelos partícipes do seu desenvolvemento e que colaborasen con acenos, saltos e aplausos na dramatización.
Dende principio a fin foi quen de enganchalos aos contos ata o punto de que eran os propios nenos os que se esixían silencio entre eles cando o discorrer do relato invitaba a excederse no alboroto.
Ir á biblioteca
Villar aproveitou a ocasión para invitar aos alumnos a que pasasen pola biblioteca Francisco Mayán que xestiona o seu amigo e presentador do acto José Ramón Rey para coller «iso si, con volta» algún destes contos dos que valorou moi positivamente as ilustracións que lle fixeron.
Esta actividade enmarcase dentro dunha programación pensada para achegar a literatura aos rapaces dos centro de ensino de Cee a través dos autores locais e forma parte da campaña Ler conta moito, que promove a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta para as bibliotecas públicas.

Esta entrada foi publicada en Encontros, Infantil, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.