En defensa dos postos de traballo en Preescolar na casa. Manifesto de apoio


Preescolar na Casa comeza no ano 1977 o seu traballo a prol da infancia, da familia e da sociedade galega, a partir da idea inicial de Antonio Gandoy. Despois de 35 anos acompañando educativamente ás familias de Galicia, despois de ter contribuído a configurar a historia recente deste país en materia de educación a través dun modelo de intervención pioneiro, orixinal, preventivo, vertebrador do territorio e, referente en canto á implicación das familias na educación dos seus fillos e fillas, Preescolar na Casa está a piques de desaparecer debido aos drásticos recortes nas achegas económicas da Xunta de Galicia. Compre apoiar a continuidade deste modelo educativo que se caracteriza: – Pola defensa e promoción dos dereitos dos nenos, da igualdade e do respecto entre as persoas, da comunicación e a non violencia como medio de resolución dos conflitos. – Pola Innovación, dinamismo e anticipación: • Comezou a traballar no ciclo 0-3, cando aínda a lexislación educativa non o tiña recoñecido. • Anticipouse a Recomendación Rec (2006)19 do Comité de Ministros aos Estados Membros sobre políticas de apoio á parentalidade positiva, ofrecendo servizos de apoio ás familias. • Introduce novas dinámicas e actividades (traballo en maternidades, centros educativos), para dar resposta ás necesidades sociais e familiares que van xurdindo. – Pola intervención de proximidade, solidaria e integradora, achegándose directamente aos lugares onde habitan nenos e familias, dando prioridade aos sectores da poboación menos favorecidos, e integrando a poboación de niveis culturais e económicos diferentes. – Polo fomento da lingua e a cultura galega desde os inicios e ata a actualidade como forma de dar valor e prestixiar o propio. – Polo carácter comunitario e expansivo: todas as actividades teñen como obxectivo influír na comunidade, partir da súa realidade e avanzar no seu desenvolvemento, resaltando o valor do colectivo fronte ao individualismo. – Polo traballo en rede interna e externa: co obxecto de aproveitar e facer rendibles os recursos da comunidade. – Pola preocupación por ofrecer servizos de calidade que aporten valor á sociedade. – Polo respaldo da Administración: desde as súas orixes ata a actualidade o desenvolvemento do programa foi posible grazas o apoio continuado da Administración pública. Este apoio tivo o respaldo, en varias ocasións, do Parlamento de Galicia. A carencia deste respaldo fai perigar a continuidade de PREESCOLAR NA CASA un proxecto 100% galego que está a ser referente fóra de Galicia. Coa adhesión a este manifesto quérese manifestar que cada euro investido nos Espazos Educativos de Preescolar na Casa constrúe un futuro mellor para as familias, para os nenos e as nenas, para a nosa lingua, para GALIZA e, por isto, SOLICITO Á XUNTA DE GALICIA QUE GARANTA A CONTINUIDADE DE PREESCOLAR NA CASA. ASINA!
Pódese facer, coma fixen eu, dende aquí mesmo (aínda que non entendo porque a introdución ten que estar en castelán) ou desde a páxina do meu sindicato, que tamén promove unha manifestación este sábado ao mediodía en Lugo á que eu non poderei asistir xa que nesa mesma mañá en Santiago de Compostela fáiselle entrega do premio “Voz de Liberdade” á escritora María Xosé Queizán e alí estaremos.

Esta entrada foi publicada en Manifestos. Garda a ligazón permanente.