Eleonora de Fonseca Pimentel, poeta napolitana mandada axustizar polos Borbóns en 1799

25-12-2015Roma(11)
(Fotografía propia da inscrición na Via Ripetta, 22. Roma. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Non descubro nada novo ao afirmar que Roma é unha cidade fascinante con moitísimos lugares ou espazos que nunca chegaremos a ollar completamente. E en cada ollada nova sempre haberá algunha descuberta. Así aconteceu na nosa recente viaxe durante o nadal, no segundo día da nosa estadía (25 de decembro de 2015) ao abandonarmos a Piazza del Popolo, logo de detérmonos na súas dúas igrexas xemelgas Santa Maria di Montesanto e Santa Maria dei Miracoli e no seu amplo espazo, onde non circulan vehículos e onde seica teñen lugar moitas manifestacións políticas ou sindicais, demos en afastarnos pola Via Ripetta para irmos na procura da Ara Pacis.
Nese momento, nunha das ocasións nas que un ergue a cabeza para ollar os edificios, batín coa inscrición que recollín na fotografía superior:
S. P. Q. R.
IN QUESTA CASA NACQVE
LI XIII DI GENNAIO MDCCLII
ELEONORA DE FONSECA PIMENTEL
SCIENZIATA E POETESSA
MORTA IN NAPOLI
AI XX DI AGOSTO MDCCIC
MARTIRE DELLA LIBERTA
Deseguida pensei en procurar información sobre esa poeta con apelidos portugueses (ou mesmo galegos). Un percorrido pouco exhaustivo pola rede deita moita información sobre Eleonor (ou Leonor) de Fonseca Pimentel (Roma, 13 de xaneiro de 1752 – Napolés, 20 de agosto de 1799, coñecida como «A Portuguesa de Napolés»), mais quero compartir o que escribiu sobre ela o poeta e estudoso portugués Teóphilo Braga (así asinaba), tan querido para os nosos autores das Irmandades da Fala ou incluso da época Nós. No seu magno estudo (que se pode ler en pdf, dispoñibilizado pola Universidade Federal Santa Catarina do Brasil), intitulado Bocage, sua vida e epoca litteraria (1877), centrado na análise do célebre poeta italiano dedícalle as seis páxinas que reproduzo a introducir ao lectorado portugués sobre a biografía e a obra de Eleonor (ou Leonor) de Fonseca Pimentel.
Do que escribe Teóphilo Braga, o que a min máis me chamou a atención foi saber que un soneto que se lle atribúe a Eleonor (ou Leonor) de Fonseca Pimentel foi a causa última de que fose condenada a morrer axustizada con garrote pola dinastía napolitana dos Borbóns, aínda que noutros lugares dise que foi aforcada e noutros decapitada, malia estar preñada. O soneto atribuído non se centra na crítica política de quen militou abertamente contra os Borbóns, senón en acusar de lesbianismo a Maria Carolina de Asburgo, como sinala o estudoso italiano Giovanni Dall’Orto, quen sinala que o escribiu no cárcere onde estaba por posuí libros prohibidos pola censura. Unha historia ben interesante que mestura a loita pola liberdade con ideas propias da homofobia.
Teóphilo Braga obvia todos estes feitos e remata así a súa biografía, aínda que se callar non debeu estar na Via Ripetta, 22, pois a súa transcrición do texto gravado en mármore ten algunhas imprecisións:
Leonor da Fonseca foi mandada garrotar pelos infames Bourbons de Nápoles em 20 de Agosto de 1799; passado um século foi com memorada esta data em Roma desvendando a municipalidade na casa n.° 22, da Via Ripetta a lapide com a inscripção:
S. P. Q. R.
IN QUESTA CASA NACQVE
LI 12 GENNAIO 1752
ELEONORA DE FONSECA PIMENTEL
SCIENZIATA E POETESSA
MORTA AI 20 Dl AGOSTO DEI 1799
MARTIRE DELLA LIBERTÁ IN ITÁLIA
(Reproducións de Bocage, sua vida e epoca litteraria)
FonsecaPimentel01
FonsecaPimentel02
FonsecaPimentel03
FonsecaPimentel04
FonsecaPimentel05
FonsecaPimentel06

Esta entrada foi publicada en Biografía, Estudos literarios, Fotografía, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Eleonora de Fonseca Pimentel, poeta napolitana mandada axustizar polos Borbóns en 1799

Os comentarios están pechados.