El País (Madrid), unha de cal e outra de area


A clamorosa orfandade de medios na nosa lingua propia (expresión que non é do agrado do Valedor do Pobo, manda truco!!!) poderá corrixirse un pisco o vindeiro ano se callan os proxectos de Sermos Galiza e de Praza Pública. No entanto, agás pequenas cabeceiras que se manteñen contra vento e maré, temos que andar á procura de información en xornais alleos á nosa realidade como o madrileño El País, que na súa edición galega vén de dar unha de cal e outra de area. Dunha banda (o cal) onte publicaba un suplemento especial para conmemorar os cinco anos desta edición e nas súas 32 páxinas o galego só aparecía nun artigo de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e noutro de Salustiano Mato, o novo reitor da Universidade de Vigo. As páxinas dan totalmente as costas ao noso idioma, mesmo traducindo para o castelán as opinións da escritora Teresa Moure e dunha filóloga galega que fala nunha reportaxe sobre as opcións de futuro (desde logo en medios coma El País esta moza non o vai ter). E doutra banda hoxe o mesmo xornal madrileño sorpréndenos cun especial de “Luces” que fai unha análise con varias voces sobre a obra de Álvaro Cunqueiro. Velaquí dous artigos que recomendo vivamente: “Cunqueiro para ben e para mal” e “O poeta que era un segredo”, que asina o xornalista e poeta Daniel Salgado.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Lingua. Garda a ligazón permanente.