Efeméride: No 70 aniversario dunha multa a Antón Villar Ponte e da solidariedade dos emigrados

VillarPontemulta(1)
VillarPontemulta2
Por volta de 1926 unha resolución do Directorio de Primo de Rivera impuxera o pagamento dunha multa de cincocentas pesetas ao escritor Antón Villar Ponte por un artigo que este publicara na Habana criticando o réxime que usurpaba o poder democrático en España.
Esta pena pecuniaria axiña provocou unha corrente de solidariedade que tivo o seu maior eco nas sociedades galegas da diáspora. Tal e como escribín na miña Tese de Doutoramento A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e Estudo, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero (investigación que é de acceso libre na rede en varios lugares, como no repositorio poesiagalega.org), «en xaneiro de 1927 Antón Zapata García é un dos máis de sesenta galegos na Arxentina que contribúen, por iniciativa do secretario xeral da Federación de Sociedades Gallegas, Pedro Campos Couceiro (ao pagamento da multa). Ademais do noso poeta, tamén figuran entre os doantes Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Julio Sigüenza, Ramiro Isla Couto e moitos outros».
A nova foi recollida na prensa galega da emigración, nomeadamente no periódico El Despertar Gallego, voceiro da Federación de Sociedades Gallegas, que lle dedicou estas dúas anotacións (imaxes superiores):
«Antón Villar Ponte fué multado en 500 pesetas por escribir. Un grupo de federados giró telegráficamente el importe de la multa», El Despertar Gallego, nº 90, Bos Aires, 16 de xaneiro de 1927.
«Homenaje a Antonio Villar Ponte», El Despertar Gallego, nº 91, Bos Aires, 23 de xaneiro de 1927.
Ambos e dous números están dispoñibles para o público no sitio Galiciana. Biblioteca de Galicia.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Historia, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.