Efeméride: No 130 aniversario do poeta Antón Zapata García

AlmanaquedasIrmandades
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
«O Almanaque das Irmandades», que puxeron en andamento a coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), na súa efeméride de hoxe lembra o poeta que foi obxecto de estudo na miña Tese de Doutoramento e sinala:
«O 26 de febreiro de 1886 nace en Laxe o poeta Antón Zapata García. Moi novo emigra a Arxentina e participa nas actividades da colectividade galega. Colaborou en distintas revistas como “El Eco de Teo”, “Suevia” ou “La Voz de Galicia” e tivo un papel destacado dentro da Asociación Benéfica y Cultural del Partido de Corcubión, chegando a dirixir a súa publicación “Alborada”, e na “Sociedade Nacionalista Pondal”. En maio de 1929 crea a Institución Cultural Gallega, protectora do Seminario de Estudos Galegos».
O traballo académico da miña Tese de Doutoramento de 1600 páxinas, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero, cuxo título foi A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, pódese ler de balde no repositorio dixital poesiagalega.org, proxecto dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas á fronte seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). E tamén estaba dispoñibilizado para quen tiver interese pola propia USC, aínda que nun espazo escasamente divulgado que se pode consultar nesta ligazón, e aínda tamén en googlebooks, porén neste caso con moitas páxinas en branco como adoita suceder nese buscador.
Deixando á parte a análise da súa obra, as páxinas sobre a súa vida e sobre o seu compromiso moi activo coa causa republicana deron lugar ao volume intitulado Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009).
Nun e noutro traballo recollo os datos sobre o seu nacemento que agora reproduzo:
I.2.1.1. Os anos da infancia e da mocidade en Laxe
Antón Zapata García naceu na parroquia de Santa María da Atalaia da mariñeira vila de Laxe (A Coruña) o día 26 de febrero de 1886, onde foi inscrito co nome de pía de Antonio Laureano, segundo consta na acta de nacemento que se conserva no Rexistro Civil da devandita localidade e da que reproducimos os datos máis significativos:
(…) compareció D. Antonio Zapata Barbeito, natural de Sarandones, término municipal de Abegondo, provincia de La Coruña, mayor de edad, casado, Sargento de Carabineros de esta Comandancia de La Coruña, estacionado en esta villa, y habitante en la casa número diez de la Calle del Sol, presentando con obgeto de que se inscriba en el Registro Civil, un niño, y al efecto como padre declara.
Que dicho niño nació en la casa del declarante á las tres de la tarde del día veinte y seis del corriente mes.
Que es hijo legítimo del referido declarante y de su muger, Dª María Josefa García Moreira, natural de la villa y término municipal de Camariñas en dicha provincia, mayor de edad, dedicada á las ocupaciones propias de su sexo y domiciliada en el de su marido.
Que es nieto por linea paterna de Domingo Zapata Conte y María Barbeito Fariña, naturales de la citada Sarandones, propietarios difuntos y domiciliados que estuvieron en ella, y por la linea materna de José García Pondal, natural de esta villa y de María Moreira Alvarez, natural de San Mamed de Sarces en este término, mayores de edad, propietarios y domiciliados en Camariñas.
Y que al expresado niño se le han puesto los nombres de Antonio Laureano.
Tan só un día despois, o 27 de febreiro, Antón Zapata recibe o bautismo, segundo consta na partida que figura no Folio 169 do libro 6º de Bautismos da parroquia de Laxe, da que tamén extractamos os datos de maior interese:
En la Iglesia de Santa Maria de la Atalaya de la Villa de Lage a veintisiete de febrero de mil ochocientos ochenta y seis, distrito municipal de Lage, provincia de Coruña, Yo, D. Luis Pose, Coadjutor de la dicha y Santa Maria de Serantes, su anejo, con espresa licencia del actual Párroco de la misma, Bauticé solemnemente, puse los Santos oleos y de nombres ANTONIO LAUREANO a un niño, nacido a las tres de la tarde del dia anterior, hijo legitimo de Antonio Zapata, Sargento de carabineros, natural de Santa Maria de Sarandones, Ayuntamiento de Abegondo y Maria Josefa Garcia, natural de Camariñas. Abuelos paternos Domingo Zapata y Maria Barbeito, difuntos, naturales y vecinos del espresado Sarandones; maternos José Garcia, natural de Lage y Maria Moreira natural y ambos vecinos de Camariñas; fueron padrinos Laureano Carril y Ventura Vidal.
Así pois, os Zapata procedían das mariñas betanceiras, da parróquia de Sarandóns (Abegondo), e moi perto do solar dos Marqueses de Figueroa onde se asenta a centenaria torre que deu nome ao marquesado, segundo sinala Torres Regueiro [1990: 22].
O propio poeta fala das orixes nun texto inédito que acompaña a primeira carta que lle escribe a Xosé Filgueira Valverde, quen na altura estaba a preparar unha Escolma da Lírica Galega para o Seminario de Estudos Galegos (SEG), proxecto fanado pola guerra civil, carta que vai acompañada dunha (Auto)Poética, unha reflexión sobre a «Lenguaxe», unha Bibliografía e unha ampla selección dos seus poemas, ademais da seguinte Biografía:
Ascendencia
Bisabós paternos: Manoel Zapata (aragonés) e Dominga Ponte (coruñesa). Formaron o seu fogar na aldea de Sarandóns (Abegondo). Alí morreron.-
Bisabós maternos: Francisco García Losada, de Laxe, e Xoana Pondal Frois, do Couto (Ponteceso). Viviron e morreron en Laxe.-
Abós paternos: Domingo Zapata Ponte, de Sarandóns, e María Barbeito Fariña, de Betanzos. Viviron e morrreron en Sarandóns.-
Abós maternos: Xosé García Pondal, de Laxe, e María Moreira Álvarez, do lugar de Mórdomo, do mesmo ayuntamento. Viviron e morreron en Camariñas.-
Pais: Mari-Pepa García Moreira, de Camariñas, e Antón Zapata Barbeito, de Sarandóns. Viviron e morreron en Laxe.-
Nacimento: Nacín na vila de Laxe o 26 de Febreiro de 1886.-
Residín, ademáis, do lugar nadal, na vila de Camariñas (n-ésta, pouco tempo), deica ôs 16 anos e pico, edade na que vîn pra Bôs Ars (Arxentina), cidá na que resido dende o ano 1903, mes de Setembro.-
Chámame, cada ves máis, a terra nativa, e, singularesmente, Laxe, na câl penso pasar o resto da miña vida, sintindo os latexos da natureza nos seus máis ben queridos fillos: a terra e o mar galegos.-
Tamén a súa obra poética publicada dá conta das súas orixes, como sucede no seu poema Sarandóns, onde ademais menciona que o seu bisavó era aragonés e que viñera a Galicia para casar coa súa bisavoa, vivindo primeiro no Portazgo (Culleredo), logo en San Tirso de Mabegondo (Abegondo) e finalmente en Sarandóns (Abegondo), lugares todos da comarca brigantina. O poeta lembra estes espazos xeográficos por terlle oído a seu pai falar moito deles, pois tamén recoñece que nunca puido visitar estas terras e que espera poder facelo no seu regreso á Terra, situación que, como veremos máis tarde, nunca se produciría.
SARANDÓNS, boa terra,
berce dos meus abós
paternos, n-as Mariñas,
que o Barcés, con amor,
refrexa no seu seo
ao garimoso sôn
que os xungos e espadanas
ceiban cô seu ronzor;
nobre río que leva
—sinxelamente bô—
seus brilantes cristaes
hastr-ô gran corazón
da cibdade da Cruña
pra renderlle os seus dons.
Sarandóns, aldeíña
onde o meu bisabó
fixo niño —deixando
súa rexa Aragón—
c-unha pomba galega
que, sinxel, namoróu,
e de craros pombales
povoaron os dous
o Portazgo e San Tirso,
e máis tí, Sarandóns.
O pai do poeta, Antón Zapata Barbeito, fora transladado a Laxe como sarxento de carabineiros. Casara en tres ocasións [López, 1999: 417], en primeiras nupcias con María Barcia, sen teren descendencia; en segundas con María Josefa García Moreira, que deu á luz seis fillos, tres homes e tres mulleres: Amador, Elena, María, Antonio (o poeta), José e Valentina. Con posterioridade, casaría con María Lema García e terían tres fillos: Manuel, Perfecto e Fernando.
A nai do poeta, María Josefa García Moreira, natural de Camariñas, viña sendo parente do vate Eduardo Pondal, pois era filla de José García Pondal, natural de Laxe, e de María Moreira Álvarez, da parroquia laxense de San Mamede de Sarces. Polo tanto, o noso poeta era neto dun sobriño do vate bergantiñán. De feito, na súa coñecida conferencia «Eduardo Pondal, Sentimento e Libertá da Terra Galega», sinala:
Os que o conoceron na seneitude [A Pondal] —nós, por raís consanguiña, tuvemos esa grande e impagábel sorte—…

Esta entrada foi publicada en Biografía, Efemérides, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.