Efeméride. Gonzalo López Abente nomeado académico correspondente da RAG

Abente-Castelao1934
(De pé Sebastián González, Eladio Rodríguez, Enrique Peinador, López Abente Celia Brañas Fernández, Pura González Varela, Ramón Otero Pedrayo, David Fernández Diéguez, Angel del Castillo e Fernando Cortés. E sentados, Fernando Martínez Morás, Castelao, Manuel Lugrís Freire, Antón Vilar Ponte e Félix Estrada Catoyra. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
A data do 20 de decembro de 1918 é importante na biografía do escritor muxián Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963), pois ese día foi nomeado académico correspondente da RAG. Para lembrarmos a súa relación coa Academia, antes e despois de ser académico, primeiro correspondente en 1918, e logo numerario, en 1941, reproduzo tres fragmentos do Limiar que escribín para a edición do seu poemario inédito Bretemada (Alvarellos, 2011).
Velaquí:
En decembro de 1918 a RAG vaino nomear académico correspondente, como figura no título que forma parte dos materiais expostos na Casa das Beiras, sé da Fundación que leva o nome do poeta, e que di textualmente: “Esta corporación en sesión del día 20 de Diciembre de 1918 nombró Académico Correspondiente a D. Gonzalo López Abente. Y en vista de este acuerdo se le expide el presente título en la ciudad de La Coruña a los 22 días del mes de Enero de 1919”. Asinan o presidente accidental, Francisco Tettamancy, e o secretario, Eugenio Tarel.
(…)
No Día da Patria Galega, 25 de xullo, do 1934 asiste á recepción de Castelao como membro da RAG, acto que se celebrou no salón da Alcaldía do pazo Municipal da Coruña. No arquivo da Academia consérvase unha fotografía na que aparecen todos os participantes, entre eles figura Abente que daquela aínda non era académico.
(…)
A época de posguerra e a entrada na RAG
O franquismo silenciou durante varios anos a don Gonzalo López Abente que se refuxia, tamén coma outros galeguistas, na creación literaria. Ese exilio interior non é impedimento para que moitos poemas da súa autoría continúen a ser publicados nas revistas e xornais da diáspora arxentina, nomeadamente na Alborada da ABC de Corcubión. Outra revista lusa que frecuentaría vai ser Quatro Ventos editada en Braga.
Otero Pedrayo é explícito cando escribe “Tiña amor pola Academia pra a que foi eleito o 8 do Nadal de 1940. Tomou posesión o 27 do Sant-Iago de 1941 e correspondeulle a cadeira 16 dinantes ocupada por un ilustre devanceiro de semellantes afinidades poéticas e de parexa terra mariñeira. Don Manuel Lugrís Freire finado o 15 do febreiro do 1940”. O seu discurso de ingreso como novo membro numerario da RAG, presentado na sesión extraordinaria acontecida no paraninfo da Universidade Literaria de Santiago, titulouse A terra e a poesía de Pondal, un fermoso texto no que cita os seus antecesores literarios na Costa da Morte, comezando a mediados do XIX con Eduardo Abente, cura de Bamiro e tío de Pondal (citado na Literatura Gallega de Eugenio Carré Aldao), o seu curmán Victorino Abente, emigrado a Paraguai, a memoria do rexoubeiro poeta de Baio, Enrique Labarta Pose, o señor das Torres de Vimianzo, Evaristo Martelo Paumán e Antón Zapata García, nado en Laxe (coetáneo) e emigrado a Bos Aires, para realizar deseguida unha interesante e rigorosa análise da obra poética do seu parente por liña materna Eduardo Pondal Abente quen acudía a Vilela de Nemiña (Muxía) para recibir aulas de latín e doutros saberes morando nunha casa que os Abente posuían no lugar de Queiroso. O texto do discurso foi publicado pola RAG en 1965, dous anos despois da morte do poeta.
López Abente tamén formou parte dunha comisión nomeada pola RAG para estudar as posibilidades de ordenar, sistematizar e mesmo publicar Os Eoas de Pondal, labor ao que renunciaron todos os comisionados (Leandro Carré, Ramón de Artaza, Ángel del Castillo e o noso poeta) por non lle poder adicar tempo en exclusiva a esta inxente tarefa.
O dramaturgo reintegracionista Jenaro Marinhas del Valle lembra os seus paseos nocturnos pola cidade de A Coruña con don Gonzalo, que lle levaba trinta anos de idade, nas visitas que o muxián facía para as xuntanzas da Academia ou para estar cos seus parentes. Adoitaban manter unha tertulia vespertina no café Marineda, xunto a Plácido Castro, Luís Mañas e o pintor Urbano Lugrís, entre outros.
(Cfr. Marinhas del Valle, Jenaro (2008), Amarga memoria. Edición, prólogo e notas de Lino Braxe, Pablo González Mariñas e Alexandrina Fernández Otero. A Coruña: Espiral Maior, 20-21.)

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.