E Bretemada, de Gonzalo López Abente, tivo presenza no Exprés Literario dos Editores de Compostela


Hai uns días recibimos X. H. Rivadulla Corcón e mais eu un convite de Henrique Alvarellos para presentarmos o libro inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente, no Exprés Literario que organizaron os Editores de Compostela (grupo do que fan parte Alvarellos Editora, Edicións Positivas, Sotelo Blanco Edicións e Urco Editora), en colaboración co Bar A Medusa.
E houbo que desculparse e xustificar a nosa ausencia, pois a esas horas era obrigada a nosa presenza no importante acto literario organizado pola Fundación López Abente tamén onte, día 26 de maio, na Biblioteca Municipal de Muxía, para a presentación do volume A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, en edición literaria do profesor muxián Xesús Sambade e que se inclúe na prestixiosa colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.
Na altura de principiarmos este acto en Muxía, pois tamén daba comezo na compostelá Praza Salvador Parga a morea de presentacións ou mellor dicir micropresentacións, moi rápidas todas, a toda mecha, cunha duración máxima, cada unha delas, de dez minutos, nas que as empresas agrupadas en Editores de Compostela daban conta das súas novidades literarias, acompañándoas de lecturas, música e tamén comida e bebida.
Bretemada, de Gonzalo López Abente, foi presentado polo editor Henrique Alvarellos. E así nolo conta a completa crónica do Exprés Literario que fai o crítico literario Armando Requeixo no seu blogue criticalia.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.