E aínda outra recensión en Grial 197


Nese mesmo último número de Grial, Revista Galega de Cultura, 197 (xaneiro, febreiro, marzo 2013), do que falamos na anterior anotación, aínda se inclúe outra recensión da miña autoría que, baixo o título «Ler os nosos clásicos» fala en conxunto de dous interesantes estudos literarios: Vida e Obra de Francisco Añón. Antoloxía poética. Edición de Ramón Blanco e Vida e Obra de Manuel Leiras Pulpeiro. Antoloxía poética. Edición de Xurxo Martínez González e Armando Requeixo, ambos e dous publicados por Galaxia.
Deseguida reproduzo tamén esta recensión ao completo:
Ler os nosos clásicos
Vida e Obra de Francisco Añón. Antoloxía poética
Edición de Ramón Blanco
Vigo: Galaxia, Clásicos, 2012, 156 páxinas
Vida e Obra de Manuel Leiras Pulpeiro. Antoloxía poética
Edición de Xurxo Martínez González e Armando Requeixo
Vigo: Galaxia, Clásicos, 2012, 134 páxinas
Italo Calvino no seu imprescindible Por qué leer los clásicos (Tusquets, Marginales, 1993) sinala «Los clásicos son libros que ejercen una influencia particular ya sea cuando se imponen por inolvidables, ya sea cuando se esconden en los pliegues de la memoria mimetizándose con el inconsciente colectivo o individual».
A nosa é unha literatura nova (de quitado da lírica e prosa medievais) na que por clásicos adoitamos entender a creación do século XIX e das primeiras décadas do XX. Nestes parámetros podemos inserir a poesía do outiense Francisco Añón (1812-1878) e do mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912), a quen debemos considerar clásicos, malia certo esquecemento que os reduce a uns parágrafos nos manuais de ensino, por teren un enorme predicamento no público lector da súa época e mesmo influencia nos escritores que lle foron contemporáneos.
A colección Clásicos de Galaxia, artellada con criterio divulgativo en coidados libros de peto, vén de os rescatar seguindo idéntico editorial, unha Introdución sobre a Vida e a Obra dos autores e unha xenerosa Antoloxía dos seus versos.
Aínda que o citado Italo Calvino subliñaba que «la introducción, el aparato crítico, la bibliografía hacen las veces de una cortina de humo para esconder lo que el texto tiene que decir y que sólo puede decir si se lo deja hablar sin intermediarios que pretendan saber mas que el», os limiares de Ramón Blanco no caso de Añón e de Xurxo Martínez González e Armando Requeixo no tocante a Leiras Pulpeiro lonxe de seren “cortinaxe de fume” axudan a contextualizar a obra e ofrecen interesantes propostas de lectura.
A Serra de Outes é patria común de Añón e do filólogo e poeta Ramón Blanco e iso translúcese nunha introdución que principia «Francisco Añón escribía poemas en galego cando case ninguén o facía», facendo fincapé en que sexa recoñecido como un dos precursores do noso Rexurdimento e que nos seus coetáneos obtivese a consideración de Patriarca das Letras Galegas, sen esquecer a súa presenza como personaxe na obra O divino sainete de Curros Enríquez.
Blanco compendia e actualiza con datos novidosos a tese de Fernando Bel Ortega Vida e obra de Francisco Añón (A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1991) e percorre os episodios biográficos máis salientables da viad do poeta, sen esquecer os recoñecementos post-mortem entreos que sobrancea o Día das Letras de 1966 e a declaración de 2012 como Ano de Añón polo seu concello natal para conmemorar o bicentenario do natalicio. Son desvelados os anos de estudo e formación, rematados en Teoloxía e en Xurisprudencia, e a súa participación no provincialismo e nas tertulias literarias e políticas, así como a escrita dos primeiros poemas e as influencias do seu estro (o ilustrado Feijoo ou o luso Camões), esparexidas en xornais, revistas ou folletos, que dificultaron a compilación da súa obra.
Alén diso, Blanco trata de botar luz sobre episodios enigmáticos como as súas estadías en Lisboa, onde chegou a ser libreiro, as viaxes por Europa e os seus anos en Madrid e Sevilla. Porén, serán os Xogos Florais da Coruña de 1861 os que o consagran como autor na nosa lingua, co premio ao himno “A Galicia”, publicado no memorable Álbum de la Caridad.
Para Blanco «debeu ser o primeiro poeta galego que escribiu ‘Nova York’ nun verso», pois foi o escritor máis cosmopolia do Rexurdimento, mais de quitado da súa presenza en xornais e revistas ou nas antoloxías poéticas da época houbo que agardar a despois da súa morte para ollar a súa poesía nun libro, coa compilación que realiza Martínez Salazar en 1889. Finalmente, Blanco realiza unha antoloxía dos seus poemas en galego e en castelán, na que non faltan os textos máis (re)coñecidos de Añón.
Xurxo Martínez e Armando Requeixo seguen criterios semellantes con Leiras Pulpeiro. Tamén dan conta detallada da súa formación académica e dos ataques clericais que recibía na moi católica cidade de Mondoñedo aquel médico republicano e federalista, que forza virou tamén anticlerical.
Alén de ser masón, na loxia Vallibria, e da súa notable actividade, tamén tivo unha considerable acción intelectual, malia ser remiso a publicar. En vida só saíu o seu libro Cantares gallegos (1911), mentres a súa poesía tamén andaba esparexida en xornais e revistas. A súa autocrítica debeu ser fonda, non só pola escasa preocupación á hora de ser editado, senón mesmo por rexeitar ser nomeado académico de número da RAG en 1905.
A súa obra acadou máis sona despois da súa morte, tendo como momentos máis excelsos o proxecto inconcluso de Antón Villar Ponte por xuntar os seus versos, pois só saíu Obras completas. Tomo I. Poesías (1930), a compilación case total que realizou Xosé Luís Franco Grande corenta anos despois en 1970 ou a publicación das Obras completas (Sálvora, 1983) en edición de Alonso Montero logo de se lle dedicar o Día das Letras nese ano e a Poesía galega completa (Sotelo Blanco, 1984) que preparou Ramón Reimunde.
Para Martínez e Requeixo «Leiras Pulpeiro sentíase poeta do pobo», e en particular da súa tribo mindoniense, o que explicaría as seis liñas temáticas: costumista e etnográfica; social e cívica; patriótica e identitaria; moral e satírica; amorosa e sicalíptica e intimista e elexíaca, que os antologadores debullan polo grao, antes de salientar os recursos orais e populares da súa poética e a vizosidade dialectal do seu léxico mariñao.
Un breve capítulo analiza a peculiaridade das súas traducións, a prosa e a recolla de cantigueiros, así como a escasa escrita en castelán, antes de nos ofrecer unha comprida escolla da súa poesía en galego, na que tampouco faltan os seus versos máis sobranceiros, desta volta acompañados no remate dun Glosario a todas luces preciso para enriquecer a nosa lectura.
Se Italo Calvino lembrou que «Los clásicos son esos libros que nos llegan trayendo impresa la huella de las lecturas que han precedido a la nuestra, y tras de si la huella que han dejado en la cultura o en las culturas que han atravesado (o más sencillamente, en el lenguaje o en las costumbres). Esto vale tanto para los clásicos antiguos como para los modernos», a recuperación da poesía selecta de Añón e de Leiras Pulpeiro camiña nesa dirección de respecto pola lingua e a cultura de noso.
Miro Villar

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.