Dúas publicacións singulares


(O poeta Baldo Ramos coa publicación, foto dos Cadernos Arraianos)
Nestes mes de agosto descubrín dúas publicacións singulares que recomendo vivamente. A primeira é A Ramallosa. Caligrafías de luz da autoría de Carlos Lorenzo e Baldo Ramos, con senllos textos introdutorios de Méndez Ferrín e de Aser Álvarez. O libro foi promovido pola Asociación Arraianos, a Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova. Carlos Lorenzo é o autor das fotografías que presentan de xeito artístico e poético a singular procesión dos farois da Ramallosa. Canda elas aparecen os versos e os trazos pictóricos de Baldo Ramos, que en conxunto compoñen o poema intitulado “Caligrafías de luz”.

(Imaxe tirada de trafegandoronseis, un dos meus blogues predilecto).
A segunda é da autoría do poeta Celso Fernández Sanmartín quen baixo o título Gratas e Boas Novas xunta unha colectánea de imaxes das postais enviadas desde a emigración. Un catálogo delicioso do que a crítica Teresa Seara dixo na presentación en Lalín:«As tarxetas postais, como tamén os poemas, constitúen pequenas conquistas nese empeño tan fondamente humano de atenuar as cicatrices que o tempo imprime sobre nós. Porque, sendo un anaco de memoria, as postais representan pequenas escenas do pasado que seguen pervivindo na fugacidade do presente e continuarán prologándose aínda no futuro. Nisto reside ese encanto irresistible que nos atrae cara a elas pois tanto a súa imaxe como o seu texto logran espertar en nós a imaxinación, sempre disposta a internarse en lugares e vidas que non nos pertencen. Non en van xa nos ensinara Niestzsche que “o mundo real é moito máis pequeno que o mundo da imaxinación” e así se demostra tamén nestas Gratas e boas novas que Celso Fernández Sanmartín nos agasalla, unha miscelánea de vida onde se fai patente a persistencia da memoria fronte á forza cruel do tempo que nos devasta coa súa perspectiva lineal, coa contudencia do seu paso inexorable. Enmárcanse pois as tarxetas, a foto, o telegrama, a carta que Celso recompila neste libro no mundo da ilusión porque, aínda sen coñecermos ás persoas que as enviaron e recibiron, énos doado sentir o desexo que guiou a man que as escribiu tanto como a ledicia dos seus propios destinatarios». O texto completo da presentación pódese ler aquí.

Esta entrada foi publicada en Arte, Fotografía, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.