Dúas crónicas da presentación da Poesía Completa de Gonzalo López Abente



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño e facilitar a lectura)
Esta anotación recolle dúas crónicas da presentación o pasado sábado día 20 de xullo, dentro do completo programa da segunda xornada dos actos do Cincuentenario do pasamento de Gonzalo López Abente, do volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente que viu a luz na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, selo dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, que xa publicara a Antoloxía Poética (1995) e que eu propio dispuxen a pedimento do daquela alcalde nacionalista Xoán Bautista Pose Paz.
A compilación é unha encarga realizada pola Fundación Gonzalo López Abente e trátase dunha obra na que deitei moitas horas de traballo, para o que recibín axudas inestimables de moitas persoas a quen agradezo a súa colaboración no Limiar.
A imaxe superior recolle a crónica da autoría do xornalista Juan Ventura Lado, publicada o domingo 21 na edición en papel do xornal La Voz de Galicia, dentro da sección «Ocio e Cultura».
A segunda fai parte dunha anotación intitulada «Onte 678: Do Irixo á Pedra de abalar» no coñecido e prestixioso blogue Brétemas de Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais de Galicia, que ha publicar o poemario Dos tempos sombrizos (Diario) de Daniel Salgado, que recibiu nesa mesma xornada o I Premio de Poesía Gonzalo López Abente, do que eu propio fun xuri cabo dos poetas Marilar Aleixandre e Rivadulla Corcón.
Deseguida reproduzo a anotación de Bragado que se pode ler nesta ligazón:
Foi a de onte unha xornada de viaxe polos vieiros do país de noso, de Vigo ao Irixo pola mañá, do Irixo á Pedra da abalar pola tarde, de Muxía a Vigo pola noite. Acudimos á convocatoria da #Festadapalabra da Fundación Ínsua dos Poetas, na que se entregaron os premios Setecarballas e Salvador García Bodaño, Víctor Campio e Arcadio López Casanova homenaxearon aos poetas do Rexurdimento. Foi o do Irixo un convivio promovido con moito agarimo polo «Che» Tosar, movido polos ideais da colaboración e a irmandade, nun espazo natural privilexiado, un xeito de Brocelandia ourensá.
No serán apoiamos os actos organizados en Muxía pola Fundación Gonzalo López Abente (impulsada polos incansables irmáns Rivadulla) con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do escritor da Terra de Nemancos. Un serán histórico comezado coa presentación da edición da Poesía Completa de López Abente, unha proeza bibliográfica (de máis seiscentas páxinas) do editor de Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e do editor literario Miro Villar destinada a poñer en valor, definitivamente, ao poeta muxián. Entusiasmo que continuou coa entrega a  Daniel Salgado do premio de poesía López Abente por Dos tempos sombrizos (Diario). O poeta de Monterroso nunha gran intervención definiu a obra gañadora como «poemas sobre o medo escritos nunha lingua desprezada, amarrado a unha esperanza desesperada, un libro dos vencidos». Peche magnífico para unha xornada na que abalamos polo país entre a memoria e o futuro da poesía galega. Pagou a pena.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Memoria Literaria, Música, Poesía, Premios, Presentacións. Garda a ligazón permanente.