Dous poetas (Alice Oswald e John Kinsella) protestan contra os patrocinadores do premio de poesía TS Eliot


Unha excelente lección de ética, da que moito deberiamos aprender e tomar nota. Escoito no Diario Cultural, que dirixe a poeta Ana Romaní na Radio Galega, na voz doutra poeta Xiana Arias, citando coma fonte o xornal británico The Guardian, que dous poetas, Alice Oswald (Devon, 1966), e John Kinsella (Australia, 1963) veñen de protestar contra os patrocinadores do premio de poesía TS Eliot da Poetry Book Society rexeitando facer parte da nómina de finalistas. Así que tiven vagar (e malia o meu deficiente inglés) acudín á fonte citada. En efecto, ambos e dous poetas amosaron dese xeito a súa oposición ao patrocinio do premio de poesía TS Eliot por parte de Aurum Funds. A primeira en facer público o seu rexeitamento foi Alice Oswald (quen coma min tamén escribe sonetos de cando en vez), con estas palabras: «I’m uncomfortable about the fact that Aurum Funds, an investment company which exclusively manages funds of hedge funds, is sponsoring the administration of the Eliot Prize; I think poetry should be questioning not endorsing such institutions and for that reason I’m withdrawing from the Eliot shortlist». Máis ou menos, a tradución viría ser algo así: «Síntome incómoda polo feito de que Aurum Funds, unha compañía de investimento que exclusivamente administra “fondos de alto risco”, está a patrocinar a administración do Premio Eliot. Eu coido que a poesía debe poñer en cuestión e non dar aprobación ás devanditas institucións e por iso retírome da lista Eliot». E no día de onte ou antonte foi o poeta australiano John Kinsella quen se uniu á protesta sinalando que os negocios de Aurum Funds non cadraban coa súa ética. Desta volta, The Guardian ironiza sobre a cuestión pois no primeiro parágrafo da nova lembran que «TS Eliot himself worked for Lloyds Bank». Non sei se hai retranca ou humor británico na apreciación ou se queren con esta afirmación criticar as protestas e dalgunha maneira coutar que vaian a máis.
Na miña opinión é toda unha lección de ética, desde logo, o posicionamento de Alice Oswald e John Kinsella. A miña comprensión e os meus parabéns, malia saber que nin se van enteirar. Facendo un mundo literario de ficción, imaxinan que algún poeta de nós rexeitase o premio Novacaixagalicia, por poñermos un caso, para protestar contra as escandalosas indemnizacións aos seus directivos feitas con diñeiro público? Sinceramente, na nosa sociedade aínda non o vexo posible.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Dous poetas (Alice Oswald e John Kinsella) protestan contra os patrocinadores do premio de poesía TS Eliot

  1. Pingback: As crebas » Poemas (XXVII): «Us», de John Burnside

  2. Marilar di:

    Alice Oswald, sobre a que estou escribindo un artigo neste intre, é unha magnífica poeta, gañadora do T.S. Eliot prize en 2002. Como ben dis, unha lección de ética

Os comentarios están pechados.