Dous poemas de Gonzalo López Abente en Poesía polos Penedos #salvemosospenedos

O noso benquerido amigo Emilio Roca, compañeiro do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), é o autor do laborioso labor de realizar unha vídeo-reportaxe sobre o roteiro literario e reivindicativo Poesía polos Penedos #salvemosospenedos de Traba e Pasarela, que se celebrou o pasado sábado 22 de maio de 2021. A serie ou crónica vaise publicando na canle de youtube do músico Efraim Diaz. A nosa gratitude e os nosos parabéns!

Na miña intervención decidín poñerlle voz a dous poemas do académico muxián Gonzalo López Abente, con certeza o poeta galego que máis cita a palabra “penedos” na súa obra poética, aínda que se refira a todos os penedos da Costa Brava, pois así denominou sempre a Costa da Morte, xa que aborrecía este último topónimo por ser creación do xornalismo sensacionalista a primeiros do século XX e despois da traxedia no naufraxio do Serpent, cantada por moitos poetas costeiros.

Alén do vídeo coa miña lectura, deseguida engado os dous poemas de López Abente aos que lle dei lectura:

NA COSTA BRAVA

Entran nos mares os agudos dentes

d’esta costa soberba. Xa Protéo

remexe aló no fondo do seu séo

xordos furores, e da terra arrentes

amontóa brancuras relucentes.

Espállanse no azul ancho e seréo

as brétemas que ruben hastra o céo,

e reina entón a escuridá sômentes.

Racha o silencio o berro da sirena,

tristeiro cal a voz d’unha alma en pena,

retomban os penedos da montaña,

i-antre eles fortemente engrilloádo

queda un probe vapor aprisioádo

coma unha mosca n-unha tearaña.

OS PENEDOS BERMELLOS

Voa, alma miña, voa, deixa a carne dôrida

que latexe nas lamas dos vieiros da vida;

aproveitate agora d’esta gran soedade

da paraxe deserta e fuxe. Sen piedade

ao peteiro abandona das raspiñeiras mágoas

o corazón, e os ollos aos aguillóns das bágoas,

i ergue o vóo, alma; sobe confiada e tranquila

â estrela da esperanza que misteriosa brila.

Sobre as brancas areas desfanse manseliñas

as escumas de prata das ondas cristaíñas;

o mar, coma unha dona namorada, salaia

docemente tumbado no regazo da praia,

e o marmurio solemne dos seus dondos cantares

ceibo corre nos ecos a vibrar pol-os âres.

As frores amarelas nas toxeiras do monte

abalan; o sol xoga no lonxano hourizonte

co-a sua cabeleira de douradas raiolas

que se espallan brincando por enriba das olas;

un luceiro no ceo curioso palpebrexa,

e a paraxe deserta na soedade latexa.

Voa, alma miña, voa, deixa a carne dôrida

d’esta triste paraxe que se move e ten vida,

e amostra, alumiados c’os lívidos destellos

do sol que se retira, uns penedos bermellos

que son callóns de sangue n-unha aberta ferida.

Esta entrada foi publicada en Gravacións, Historia, Lendas e mitos, Manifestos, Música, Poesía, Política, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta