Dos tempos sombrizos (Diario), de Daniel Salgado, faise co I Premio de Poesía Gonzalo López Abente


(Fotografía tirada da páxina do programa radiofónico Disimulen. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Cabo de Marilar Aleixandre e X. H. Rivadulla Corcón, con Viki Rivadulla como secretaria con voz e sen voto, fixen parte do xurado do I Premio de Poesía Gonzalo López Abente, convocado pola Fundación do mesmo nome. Nas últimas semanas demos cumprida lectura aos 54 orixinais presentados nesta primeira convocatoria e, previas deliberacións, onte pola tarde xuntámonos para emitir o ditame definitivo.
A acta da resolución está xa publicada na páxina da Fundación Gonzalo López Abente, de onde a reproduzo desguida, e tamén foi recollida en medios dixitais como o xornal Quepasanacosta ou SermosGaliza.
Fallo do Iº Premio de Poesía Gonzalo Lopez Abente
O orixinal Dos tempos sombrizos (Diario) da autoría de Daniel Salgado, foi o escollido polo Xurado
|7/ 2/2013
A Fundación Gonzalo López Abente, comunica que onte se reuniu o xurado do Iº Premio de Poesía Gonzalo López Abente, certame que se convoca en colaboración coa Xunta de Galicia através da Secretaría Xeral de Cultura.
O xurado estivo composto polos poetas Marilar Aleixandre, X. H. Rivadulla Corcón e Miro Villar, e por Viki Rivadulla como secretaria do mesmo, que decidiron declarar por unanimidade gañador ao orixinal titulado DOS TEMPOS SOMBRIZOS (DIARIO), que resultou ser da autoría de Daniel Salgado.
Na acta do fallo o xurado salienta «a construción do discurso a xeito de diario que amosa o compromiso anticapitalista através do diálogo cos principais referentes ideolóxicos na loita pola liberdade e a xustiza social. Tamén presenta unha rica intertextualidade coa poesía e a música contemporáneas (o jazz nomeadamente) e con poemas de forte contido metaliterario».
O premio serálle entregado o día 20 de xullo dentro dun programa de actos destinados a conmemorar os 50 anos do pasamento de Gonzalo López Abente. Nesta xornada, entre outras actividades, destaca unha conferencia sobre a obra de López Abente que impartirá Xosé Luís Méndez Ferrín, e a presentación da edición da Obra Poética Completa de Gonzalo López Abente, preparada por Miro Villar e editada por Espiral Maior.
O autor
Daniel Salgado, naceu en Monterroso en 1981, é poeta e xornalista.
Licenciado en Ciencias da Comunicación e doutor en Filoloxía Galega pola USC.
Traduciu a Allen Ginsberg, Adrienne Rich ou Lawrence Ferlinguetti ao galego e a Lois Pereiro ao español.
Fai parte da banda de música electrónica Das Kapital.
Como poeta ten editado: Sucede (2004, Espiral Maior). Días no imperio (2004, Sociedade de Cultura Valle-Inclán). Éxodo (2006, Xerais). Os poemas de como se rompe todo (2007, Sotelo Blanco). Ruído de fondo (2012, Xerais).
Agora, Daniel Salgado verá publicada esta nova obra pola Editorial Xerais.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.