Onte, a edición de Carballo do xornal coruñés La Voz de Galicia, que se distribúe nas bisbarras de Bergantiños, Soneira e Fisterra, daba conta da saída de Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García (Edicións Fervenza, 2018). Reproduzo deseguida a nova que está sen asinar ou asinada pola Redacción.
A foto que acompaña o texto é da autoría do meu amigo ©José Manuel Casal, que hai uns meses xubilouse como fotógrafo colaborador do xornal, mais non da súa paixón no mundo da fotografía, e que é autor de imaxes memorables, poñamos por caso aquela de Man de Camelle a chorar logo da desfeita do Prestige e pouco antes de morrer de mágoa. Espléndida, coma tantos outros traballos da súa autoría. Un mestre e, sobre todo, unha boa persoa.
«Dorna saudal» de Antón Zapata, por Miro Villar: nova publicación
É unha compilación de textos poéticos do autor laxense que teñen relación co mar e coa Costa da Morte
CARBALLO / LA VOZ 05/06/2018
«Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García» • 2018 • Edicións Fervenza • Vén de publicarse «Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García», unha compilación dos textos poéticos do escritor nado en Laxe (1886-Bos Aires, 1953) que teñen relación co mar e, particularmente, coa Costa da Morte. Estudo, edición literaria e notas do libro corresponden ao ceense Miro Villar (1965), profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador e crítico literario. Ten formado parte daquel Batallón Literario da Costa da Morte e tamén é doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada precisamente coa tese «A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo».
Unha parte destes textos que figuran en «Dorna saudal», obra que Villar dedica a Paco Souto, xa ficaran agrupados polo propio autor baixo ese mesmo epígrafe na obra «A roseira da soidade», o seu único libro de poemas. Nesta publicación de Miro Villar, figura unha breve anotación biográfica do autor, unha análise do contido dos seus poemas descritivos do mar e da vida mariñeira, así como tamén unha análise e un glosario do seu léxico mariñeiro. «Costa brava» era o topónimo reivindicado naquela altura fronte ao que facía alusión ás traxedias dos naufraxios. «A achega léxica de Antón Zapata García é moi feraz, importante e rica, mais dos campos léxicos que se poderían analizar sobrancea o léxico mariñeiro», pode lerse nas anotacións de Miro Villar sobre a notoriedade do mar nos versos do poeta laxense emigrado a Bos Aires, onde acabaría falecendo aos 67 anos o 20 de xuño do 1953, «malia que a acta de defunción indica que o óbito se produciu o día 21». A restante parte dos textos non aglutinados naquela «Roseira da saudade» iríanse publicando en revistas e xornais da época.