(As fotografías que ilustran esta anotación son de autoría propia, agás esta do grupo de Xosé Ameixeiras)
«Do reino dos suevos ó dos bergundios» foi a epígrafe da nova xeira anual organizada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SemEsCom), que preside Xosé María Lema Suárez e do que fago parte, coa sempre axeitada e eficiente organización de Chus Barbeira Pose, que desta volta nos levou a viaxar entre os días 17 e 25 de agosto por terras borgoñesas.
Deseguida reproduzo as sempre interesantes e completas crónicas das xornadas desta nosa viaxe cultural, asinadas co pseudónimo A. Lavandeira e escrita por un dos viaxeiros, o xornalista Xosé Ameixeiras, delegado da edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia. Velaquí os textos, que tamén se pode ler no orixinal premendo nas dúas seguintes ligazóns:
Do reino dos suevos ó dos bergundios
A. Lavandeira. Borgoña / La Voz
As conferencias-bus do Semescom | Medio cento de persoas percorren dende hai uns días a Borgoña francesa
21 ago 2023
Do reino dos suevos ó dos bergundios. Así se titula a aventura viaxeira deste ano do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que consiste nun detido percorrido pola Borgoña francesa. As aulas rodantes ou conferencias-bus profundizan este ano no coñecemento deste territorio moi relacionado coa Fisterra atlántica. De Borgoña eran os devanceiros por vía paterna do rei galego Alfonso VII, criado no mosteiro de San Xián de Moraime (Muxía). A outra conexión moi importante é Vézelay, onde comeza unha das catro vías de peregrinación xacobea medievais máis importantes con fin en Fisterra-Muxía.
A viaxe do Semescom arrincou o pasado xoves no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago, se ben en Burdeos xa estaba á espera Pablo Bustelo, da axencia de viaxes Compostela Bus, que é quen tradicionalmente traslada aos viaxeiros do Semescom por Europa adiante. Entre viñedos, campos de millo e xirasois e vacas cherolesas pacendo pacificamente, o grupo realizou a súa primeira parada en Montluçon para mergullarse nas rúas medievais desta pequena cidade da Auvernia. E entre parada e parada, as conferencias-bus.
O presidente do Semescom, Xosé María Lema, vai debullando pouco a pouco a historia da Borgoña, datas e acontecementos para a historia deste territorio francés. Chus Barbeira, ademais de levar a cabo a principal tarefa de organizar a viaxe, tamén elaborou unha guía. Xela Cid disertou sobre as pedras volcánicas da área e o latinista e escritor Pepe Carballude fixo unha ampla introdución sobre a Guerra das Galias, que tivo como protagonista principal a Julio César, os enfrontamentos entre os galos e os romanos e as vidas duns e dos outros. Claro que a seguinte parada foi en Bribacte, unha cidade fortificada, desde donde César levaría preso a Roma ao gran líder galo Vercinxetorix, vencido en Alesia. O presidente Mitterrand proclamou o monte Beuvraiy, onde está Bribacte, Sitio Nacional o 17 de setembro de 1985.
Tamén moi vencellada coa presenza romana na Francia é Autun, outro lugar de parada, cos restos da súa muralla, o teatro e as portas que se conservan de cando Augusto decidiu crear esta cidade. Do medievo queda a catedral de San Lázaro, considerada unha das xoias do románico borgoñés. Os viaxeiros do Semescom, un medio cento como adoitan ser todos os anos, prestaron especial atención a Vézelay, situada no entorno da Montaña Negra, e punto de partida da Vía Lemosina pola ruta xacobea e que tamén pasa por Avallón, outra estación de parada do Semescom. Pasa por Limoges. O lugar de saída é a que foi abadia da Magdalena de Vézelay, onde empezaría tamén a Terceira Cruzada. Chega a ruta ao pobo vasco de Ostabat, onde se funde coa Vía Turonnensis e a Vía Podiensis. O grupo admirou o tímpano da igrexa e outras marabillas do templo e gozaron das rúas medievais, así como das cervexas e o café con xeo do hotel, bar e restaurante Le Compostelle. Nunha das portas da muralla da cidade figura unha placa que pon: Anne jubilaire compostellane. Velezay 1971.
Ata o venres
Esta fin de semana, a comitiva estableceuse en Dijon, capital da Borgoña e a «cidade dos cen campanarios», e continuará o su periplo ata o venres. As conferencias-bus seguirán con intervencións de, entre outros, Antón Losada, Rosa García Vilariño ou X. M. Penas Patiño o as sempre brillantes locucións sobre as reviravoltas da arte románica e gótica de Pablo Sanmartín. Da saúde do grupo encárgase o médico Xan Fernández Garrido.
Unha viaxe ao centro de Galicia polas campiñas da Borgoña
A. Lavandeira. Carballo / La Voz
O Semescom realizou un periplo pola rexión gala durante nove días, entre ducias de hectáreas de viñedos e de historia enraizadas en séculos
27 ago 2023
«Nunca en van, sempre en viño». Este é lema da catedral dos caldos da Costa de Ouro da Borgoña (Francia), o Château Clos-Vougeot, que alberga unha orde de cabalaría moi particular, a Confraría de Tastevin. É un templo da enoloxía histórica borgoñoa e unha das paradas do percorrido cultural que o Semescom realizou durante nove días pola rexión gala, pero quizais unha das más significativas. Unha viaxe ao corazón de Galicia polas campiñas da rexión francesa, nunha transfiguración perfecta das esencias galaicas.
O bus das conferencias do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte achegouse a un océano de 51 hectáreas de viñedos e a historia da produción vinícola enraizada en séculos. Unha inmersión nas formas e nas infraestruturas coas que os monxes elaboraban unha bebida con selo propio e de prestixio mundial. Recoñecidos personaxes da vida social e política mundial téñense achegado a este lugar para gozar e difundir as bondades dos caldos borgoñóns. Entre eles, Ronald Reagan, Vargas Llosa ou Catherine Deneuve, por citar algúns.
O venres pola noite chegaron ás súas casas os expedicionarios despois dunha xeira cargada de saberes, emocións, camaradería, fraternidade e moitos días de canícula. As aulas móbiles achegaron Galicia á Borgoña ou viceversa. Da Costa da Morte ou da Costa da Solpor á Costa de Ouro. Coas traducións de Rocío Romero e Mercedes Barbeira, os viaxeiros tiveron acceso ás explicacións das diversas guías. Rosa García lembrou como no 1920 o poeta Phíleas Lebesgue traducía ao francés O carreteiro do muxián Gonzalo López Abente, o autor que era quen de «casar as almas ca paixón». Manuel Chouza, noutra proposta sorprendente, fixo comparanzas sobre casos de licantropía entre Manuel Blanco Romasanta, de Esgos (Ourense), e o insólito caso da Besta de Gevaudan, a misteriosa fera francesa que chegou a cobrar ducias e ducias de vidas.
Nada foi indiferente ao grupo que viaxou a bordo do Compostela Bus, de Pablo Bustelo. Nas charlas das aulas, Lema Suárez, o presidente do Semescom, lembrou como o papa borgoñón Calixto II, irmán de Raimundo de Borgoña, pai do rei galego Alfonso VII, editou o popular Códice Calixtino, a enciclopedia do peregrino a Compostela.
En Dijon, a capital da rexión, non quedaron moitos espazos de interese por percorrer, dende o Pazo dos Duques, o Museo de Belas Artes, o circuíto da curuxa, sobre a que Penas Patiño deu a correspondente explicación; templos relixiosos ou barrios con edificacións medievais. Houbo un percorrido pola Borgoña profunda ou Suíza borgoñoa do Val de Ouche.
Unha historia xeolóxica
En Châteauneuf-en-Anxois, os viaxeiros percorreron rúas doutros tempos nas voltas dun vello castelo, e Antón Losada explicou, xunto á igrexa deste fermoso recuncho, a historia xeolóxica que deu lugar á Costa de Ouro e os valores dos chans para a produción de viño.
Auxerre recibiu ao grupo coa maxestade dos tres impoñentes templos e as súas torres adornando a beira do río Yonne. Na catedral de San Estevo, a cripta e os seus frescos con Cristo ao lombo dun cabalo espertaron a admiración de todos.
E na abadía románica de Fontenay, Patrimonio da Humanidade dende 1981, descubriron os rigores da sobriedade que imprimía a orde do Císter aos seus monumentos en aras de non xerar distraccións aos membros da comunidade.
Especial impacto causou a visita ao Hôtel-Dieu, un fabuloso centro hospitalario benéfico fundado no 1443 por Nicolás Rolin. Un inmoble nobre con tellado decorado que inspira grandiosidade no que se amosan as instalacións para o tratamento de enfermos pobres, capela, salas de enfermos de pago, cociña, farmacia e laboratorio e museo.
Un motivo moi axeitado para que Xosé María Lema lembrase a historia da gran liberal e benfeitora Juana de Vega.
Unha das últimas paradas foi en Périgueux, cos seus templos de inspiración veneciana, os restos do anfiteatro e o teatro romanos e impresionante Torre de Vésone, dedicada a deusa Vesunna.
A última noite transcorreu en Bilbao, onde celebraban a semana grande das festas. Un tsunami humano desbordou polas rúas. Algúns gozaron dun concerto de Rodrigo Cuevas na Plaza Nueva. A mañá do venres xa era posible deambular tranquilamente polo paseo fluvial sen unha alma.
E así tornou ao remate unha viaxe que, como comentou Xela Cid, no acto de despedida, transcorreu dende a prehistoria, pasando polo mundo romano, a arte románica, a gótica, as rutas de varias cidades, o viño e, en xeral, a historia, a literatura, a xeoloxía e moitos outros coñecementos de interese para un grupo que leva viaxando dende o ano 2006, baixo aquel entón da guía do arqueólogo francés Le Roux, como lembrou Xan Fernández Carrera na charla de clausura, onde houbo parabéns para todos cantos dunha maneira ou doutra interveñen no éxito dunhas rutas de gran fondo humano, cargadas de amizade e saberes.