Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte


(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Xa falamos nesta bitácora dunha das recentes publicacións do Seminario de Estudos Comarcais para a promoción do patrimonio cultural da Costa da Morte (Semescom) que foi presentada na Feira do Libro de Cee. Nese mesmo acto tamén viu a luz pública o Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte, un volume compilatorio da autoría de Xosé María Rei Lema. Na súa Introdución o investigador, amigo e compañeiro de promoción (que non de idade, pois é máis novo ca min) en Filoloxía Galega, sinala:
«Incluímos neste dicionario aqueles autores que naceron neste territorio, mais tamén tiñamos que considerar os fillos da emigración, é dicir, os autores que naceron fóra e que regresaron á terra de orixe dos pais; así como aqueles que non nacendo na Costa da Morte viñeron vivir para aquí e/ou forman parte activa desta zona. (…) Compoñen en total o corpus desta obra 77 autores, que abranguen case trescentos anos de literatura na Costa da Morte, desde a publicación da primeira obra en 1728 (La barca más prodigiosa de Antonio Rioboo) ata as últimas obras que viron a luz no ano 2010. Non todos os autores teñen obra publicada en libro, mais incluímos tamén aqueles que deixaron un corpus interesante espallado en distintas publicacións periódicas. Oxalá este libro sirva para recuperar a obra de moitos escritores esquecidos».
E desde esta palestra animamos ao autor desta compilación, que ten no prelo en Xerais a Obra poética de Xosé Collazo, a publicar unha nova edición dos poemas de Teodoro Morgade, un autor que consideramos fundamental na Costa da Morte e que non goza dun amplo coñecemento.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.