«Diálogo co arqueólogo Ramón Sobrino Buhígas», un soneto para o libro Corpus Petroglyphorum Gallaeciae e recensión de Xosé Luís Méndez Ferrín

Xosé Luís Méndez Ferrín, na súa imprescindible columna semanal «Segunda feira» do xornal vigués Faro de Vigo, un artigo coa epígrafe «Escrito nas pedras» para dar conta da reedición do libro Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, de Ramón Sobrino Buhígas», en edición de Ángel Núñez Sobrino, publicado polo selo editorial Morgante.

O libro recolle un soneto da miña autoría intitulado «Diálogo co arqueólogo Ramón Sobrino Buhígas», escrito ad hoc por petición expresa do amigo Ángel Núñez Sobrino e ao que tamén fai referencia o mestre Ferrín na súa recensión.

Reproduzo deseguida o soneto, canda a recensión (recollida na imaxe inferior) de Xosé Luís Méndez Ferrín, que as persoas subscritoras do xornal vigués poden tamén ler completo nesta ligazón.

DIÁLOGO CO ARQUEÓLOGO

RAMÓN SOBRINO BUHÍGAS

Cos ollos ben espertos vagaroso camiñas,

Arqueólogo, e furgas co teu bastón de estoque

abrindo novas sendas no mato a cada toque.

Un petróglifo ignoto nas rochas adiviñas.

Cequeril, labirinto de Mogor, As Tenxiñas,

no inculto territorio das cabras e as cabuxas,

ducias de pedras falan, que amas e que debuxas

acariñando os trazos coma nós xoaniñas.

Corpus Petroglyphorum Gallaeciae certifica

nos eidos da sabenza que en Fonseca fai Terra,

na agra do Seminario, o teu labor fecundo.

E do teu lume prendes no teu fillo a muxica

de ler pedras labradas na baldía posguerra

pois ti xa es patrimonio da cultura do mundo.

Esta entrada foi publicada en Arte, Estudos literarios, Historia, Poesía, Recensións, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta