
No último número, 246 (abril, maio e xuño do 2025) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un texto intitulado «Diafragmas e lentes sobre os oficios do mar», que recensiona os libros de fotografía e poemas Piueiro. Caderno da tripulación, con imaxes de Manuel Álvarez e versos de Marta Dacosta e Homes e mulleres de sal e ferro. Percebeiros da Costa da Morte, do fotógrafo Xesús Búa e con textos de varios poetas.
Este número 246 centra os seus contidos monográficos no tema «Sociedade, economía e territorio. II Foro Grial», baixo a coordinación de Ramón Villares e Xoaquín Fernández Leiceaga, quen alén da presentación tamén asinan os textos «Pensar historicamente o porvir» no caso de Villares e «As perspectivas económicas dos nosos netos», que Leiceaga asina en parcería con Edelmiro López Iglesias, e completan o monográfico os artigos de Antía Pérez-Caramés «A demografía galega. Unha análise perspectiva» e «Que facer no territorio?» de Luciano Alfaya.
Na sección «Temas do noso tempo» Manuel Fortes Torres asina a a chega intitulada. «As liñas tortas do poder xudicial español (II)».
Deseguida na sección «Ciencia e Técnica» Carmen Álvarez Lorenzo asina o texto «Medicamentos personalizados. Oportunidades para adaptar as prestacións dos medicamentos ás necesidades dos pacientes».
Na sección de «Historia e Memoria» publícase «Evolucionar na continuidade. A xénese da dereita política española» que asina Serxio María Rodríguez Álvarez e na de «Documentos» recóllese o traballo de Xosé Manuel Dasilva «Galaxia censurada: Elipsis e outras sombras, de Xosé Luís Méndez Ferrín».
Neste novo número, as páxinas de «Creación» achegan a colaboración de Nerea Pallares cun fragmento da súa novela Punto de araña e varios poemas de Celaxe, de María Alicia Fonteboa López.
As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse cos artigos de Henrique Monteagudo «Fernando Venâncio, un lingüista portugués a contracorrente, amigo de Galicia e do galego (1944-2025)»; «Un soro intravenoso» que asina Fina Casalderrey e péchase cos artigos de Xurxo Martínez González «O número 3 de La Revolución (1846). A aparición dun orixinal de gran valor» e «Unha voz crítica da sociedade hipertecnificada. Nos cen anos do nacemento de Xosé Ruibal» que asina Francisco Díaz-Fierros Viqueira.
A maiores na sección «Crónica» aparece o texto «Carta de Tblisi. Medea e o león. Crónica dunha estadía literaria», da autoría de Iria Collazo López.
Por parte na sección «Lingua» Daniel Fernández Artiaga asina o artigo «O distanciamento dos falantes coa norma estándar do galego e do portugués brasileiro».
A seguir na sección «Arte» Marc Wouters escribe sobre «Artefactos. Cookie comigo».
Pechan o volume a sección «Feminismos» onde Helena Rodriguez Villar escribe sobre «A represión da muller galega na Guerra Civil a través da mirada de Castelao» e por último na sección de «Música» o texto «Unha viaxe sonora en feminino. Das cantareiras ás DJ», que asina Fernando Fernández Rego.
Velaquí o contido da miña colaboración neste número:
Diafragmas e lentes sobre os oficios do mar
Piueiro. Caderno da Tripulación
Manuel Álvarez / Marta Dacosta
Santiago de Compostela: Alvarellos, 2024, 64 páxinas
Homes e mulleres de sal e ferro. Percebeiros da Costa da Morte
Xesús Búa / Varios poetas
A Coruña: Canela, 2024, 198 páxinas
Dúas olladas sobre os oficios o mar, ás veces converxentes e outras diverxentes, veñen de coincidir nas librarías e malia os libros físicos e os obxectivos seren diferentes están ganduxados por unha análoga visión antropolóxica e unha perspicaz e rigorosa lectura dos rostros convertidos en imaxes instantáneas.
Os autores veñen de traxectorias tamén ben diferenciadas, mentres Manuel Álvarez Álvarez (A Guarda, 1964) é un fotógrafo autodidacta formado nas correntes europeas que publicou entre nós os álbums Gameleiros (Xerais, 2002), con poemas de quen isto asina; Sementeira porträts (Sementeira / barede pranca, 2019), con poemas de Manuel Rivas; Sexades mar (Chan da Pólvora, 2022), con poemas de Helga Cabiddu, e este Piueiro. Caderno da Tripulación, con poemas de Marta Dacosta; pola súa banda, Xesús Búa (Muxía, 1961) é un fotógrafo profesional, con estudio nesa vila da Costa da Morte, e tamén con bagaxe como fotorreporteiro para o xornal coruñés La Voz de Galicia, con diversos premios e exposicións da súa obra como as que preludiaron este seu primeiro libro Homes e mulleres de sal e ferro. Percebeiros da Costa da Morte, no que as imaxes tamén se acompañan dos versos de Xosé Iglesias, Modesto Fraga, Rosalía Fernández Rial, Branca Vilela, Rafael Lema, Miro Villar e Alexandre Nerium.
Piueiro, que tira o título do nome dun volanteiro conservado como embarcación tradicional, positiva vinte retratos, dezanove homes e unha muller, unha atadeira, co característico e persoal modus operandi de Manuel Álvarez, aproximando primeiros planos (neste caso planos medios) que dialogan coa expresividade dos rostros. Unha proximidade premeditada que procura capturar algo das súas intimidades. Outra marca da casa é o feito de que as persoas posan con elementos propios do seu labor mariñeiro, redes e mallas, achicadeiras, bicheiros, arpeus, nasas, trueiros, áncoras, boias, compases, lemes, funís, traxes de augas, etc. E tamén que todas son identificadas cos seus nomes e cos seus alcumes. Nomear, sempre, para non esquecer a memoria colectiva.
Os poemas, adoito lecturas posteriores das imaxes nas obras de Manuel Álvarez, veñen da man de Marta Dacosta, unha poeta que xa desde o seu primeiro libro Crear o mar en Compostela (1993) adoita introducir elementos mariños. Desta volta faino desde a suxestión, con textos breves e de forte condensación, onde salientan os sinais aliterativos e os xogos poéticos co espazo.
O fermoso obxecto de Piueiro, que até foi cosido en fío vexetal, está dedicado en homenaxe ao finado carpinteiro de ribeira Domingo Carrero Álvarez, Minxos, e complétase co pórtico de citas poéticas de Anxo Angueira, Emily Dickinson e T. S. Eliot, o epílogo de Camões e Valente e un texto final divulgativo do historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez, co título “Sentires do mar da Guarda”, que lembra a dureza dos oficios do mar e a súa evolución e outro máis do propio Manuel Álvarez “Na época que Emily Dickinson” no que matiza a xestación lenta e vagarosa do proxecto, memoria contra a desmemoria, e dialoga cos versos de Antón Avilés de Taramancos e Olga Novo, antes de nos deixar un dos máis fermosos colofóns de toda a literatura galega e que é de obrigada lectura, tamén si.
Por parte, as ducias de imaxes de Xesús Búa, 175 fotos en Homes e mulleres de sal e ferro testemuñan e acompañan o labor dos percebeiros e percebeiras da Costa da Morte, nomeadamente Muxía e Camariñas, en todas as fases do seu labor de arrincar coas rasquetas os percebes das máis afastadas e batidas rochas e cons.
A perspectiva, sen desbotar a beleza, é máis abeirada ao fotoxornalismo, á fotografía documental, e entre todas elas obviamente salientan pola súa crueza aquelas imaxes que reflicten o desigual combate de percebeiros e percebeiras co mar batente, co risco de xogar coa propia vida, como lle aconteceu ao chorado amigo e enorme poeta Paco Souto, percebeiro que finou na costa de Razo (Carballo) o 30 de abril de 2017.
A obra ábrese con “Alén da heroicidade”, un texto do mestre e historiador Xan Fernández Carrera que centra o seu documentado traballo nas familias percebeiras de Muxía antes de nos presentar o labor de Xesús Búa e lembrar os seus antecedentes na persoa de Ramón Caamaño Bentín (Muxía, 1908-2007), o primeiro e principal fotógrafo da Costa da Morte. As imaxes de Búa tamén se acompañan de breves notas a rodapé e, coma en Piueiro, moitos dos nomes tamén aparecen cos seus respectivos alcumes e tamén podemos coñecer moita microtoponimia. Outra vez a importancia de nomear.
Desta volta, cando percebeiros e percebeiras están no mar (porque tamén se nos presentan fóra dese ámbito, nas casas familiares por exemplo) campan os modernos traxes de neopreno, a carón das escasas ferramentas do oficio, as raspas ou rasquetas, e de accesorios como arneses, saquetas e trueiros, ou táboas e aletas para mellor enfrontarse co mar aberto, entre as covas e as fisgas. E moitas veces as cordas, esa ligazón coa vida, cando saltan entre as pedras “nunha danza improvisada sobre o mar”.
No libro os poemas recollidos ao proviren de diferentes autorías e non estaren baseados nas imaxes, coma sucedía en Piueiro, reflicten interpretacións persoais sobre o oficio, algunhas desde a proximidade como as de Xosé Iglesias ou Alexandre Nerium, xa que o primeiro é mariñeiro de baixura en activo na actualidade e o segundo foino e desenvolve agora un encomiable labor como guía no Museo da Pesca de Fisterra.
A beleza das fotografías acompañadas de poesía, porque as imaxes e as palabras non se exclúen, converten estas dúas obras en testemuñas dos oficios do mar nesta nación atlántica que leva desde a súa nacenza, porque como afirmou Xurxo Souto “Galiza é unha pedra chantada no océano”.

