Día de premios para a poesía da Costa da Morte: Parabéns, María Lado e Modesto Fraga

MaríaLado
ModestoFraga01
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
A xornada de onte, 15 de maio, foi memorable para a poesía da Costa da Morte, pois dous membros do extinto Batallón Literario da Costa da Morte, María Lado e Modesto Fraga, recolleron cadanseu galardón ou premio.
A primeira hora da tarde un chío na súa conta de twitter do crítico literario Armando Requeixo facía chegarnos a nova de que se dera a coñecer o fallo do XIX Premio de poesía Concello de Carral e o gañador foi o poeta fisterrán Modesto Fraga coa obra intitulada Devalar sen pel, da que o xurado salientou «que xoga coas tradicións, tensionando moi ben o texto e sabendo darlle aire nos momentos oportunos». Cando lle escribín unha mensaxe de parabéns ao amigo Modesto Fraga, contestoume que «desta volta se convertera en suxeito feminino para, dese xeito homenaxera a poesía das mulleres. Intertextualidade poética». Devalar sen pel será publicado por Espiral Maior e o seu autor recibirá 2500 euros.
E á tardiña acudín ao Teatro Principal de Santiago de Compostela, que acollía a celebración gozosa da I Gala do Libro Galego, conducida polo crítico teatral e escritor Camilo Franco e organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega dos Editores (AGE) e da Federación de Librarías de Galicia, nunha convocatoria que sumaba a anterior dispersión dos premios que dende hai anos mantiñan por separado cada unha destas entidades.
Nesta I Gala do Libro Galego foron entregados un total de 14 premios, unha escultura de Francisco Pazos, e o derradeiro premio da noite foi para a amiga e poeta ceesa María Lado, na modalidade de poesía co seu oso, mamá, si? (Xerais) e que foi recollido polo editor Manuel Bragado, pois María Lado marchara a fume de carozo para unha actuación do dúo Aldaolado.
Curiosamente falei un bocado con ela á entrada do teatro sobre a súa condición de finalista e sobre a súa próxima maternidade e mesmo fixémonos unha fotografía xunto ao editor e escritor Fran Alonso, sen sabermos nesa altura que o seu marabilloso libro obtivera o galardón.
Moitos parabéns a María Lado e a Modesto Fraga, dos nosos, da Costa da Morte, do Batallón Literario.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.