Dezaseis cancións para voz e piano


Hoxe estivemos na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela na presentación do libro Dezaseis cancións para voz e piano editado polo propio Consello da Cultura Galega en colaboración coa Asociación Galega de Compositores, dentro dos actos que conmemoraban o XXV aniversario desta agrupación. Xa comentei nesta bitácora a presenza dun soneto da miña autoría «Negación de Ulises e Teseo», do libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998) grazas ao magnífico labor do compositor Miguel Brotóns.
O volume leva tres artigos de Presentación, de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; de Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do CCG e de Margarita Viso, presidenta da Asociacón Galega de Compositores. Deseguida veñen as dezaseis cancións, que se presentan cun breve curriculum do compositor ou compositora, a reprodución do poema orixinal e as partituras. Son trece compositores e tres compositoras e trece poetas, xa que Rosalía de Castro aparece representada por catro composicións. No acto coinciden con dous poetas dos oitenta, Miguel Anxo Fernán-Vello e Román Raña, e puiden coñecer persoalmente ao “meu” compositor.
Velaquí o contido completo do volume na orde coa que aparecen presentadas:
1. Manuel Alejandre Prada. «Campanas de Bastabales» (Rosalía de Castro)
2. Miguel Brotóns. «Negación de Ulises e Teseo» (Miro Villar)
3. Gabriel Bussi. «Hai unha voz» (Luz Pozo)
4. Manuel Alejandre Prada. «Campanas de Bastabales» (Rosalía de Castro)
5. Carlos M. Cambeiro Alís. «Bagoíña de nena» (Enrique Jiménez Gómez)
6. Xabier Comesanha Pereira. «Siluetas Composteláns» (Xosé Manuel Cabada Vázquez)
7. Juan Durán. «Tecín soia» (Rosalía de Castro)
8. María Mendoza. «Ágoa de muíño» (Manuel Cuña Novás)
9. Julio Montero. «MariNana» (Julio Montero)
10. Antonio Peña. «Vaguedás» (Rosalía de Castro)
11. Paulino Pereiro. «Vella sombra que se incéndia no verso» (Miguel Anxo Fernán-Vello)
12. Juan Pérez Berná. «Durme meu neno» (Esther López Castro)
13. Julián Rodríguez Rodríguez. «Pedra» -fragmento- (Julián Rodríguez Rodríguez)
14. Gloria Rodríguez Gil. «Haikus a Avelina» (Román Raña)
15. Xoán Antón Vázquez Casas. «Longa noite de pedra» (Celso Emilio Ferreiro)
16. Margarita Viso Soto. «O Mar» (Manuel Leiras Pulpeiro)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Música, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Dezaseis cancións para voz e piano

  1. Pingback: Dezaseis cancións para voz e piano (Novas CEF XLIII) | Caderno da crítica

Os comentarios están pechados.