Desde a Fundación Gonzalo López Abente con Xosé Luís Méndez Ferrín


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Hoxe, desde a Comisión Executiva da Fundación Gonzalo López Abente, conformada polo Félix Porto Serantes, presidente e alcalde do Concello de Muxía; X. H. Rivadulla Corcón, vicepresidente; Viki Rivadulla Conde, secretaria; Arturo Suárez Varela, Tesoureiro, e os vogais: Amparo Baña Álvarez, concelleira de Cultura do Concello de Muxía; Xan Fernández Carrera; Xesús Sambade Soneira; Manuel Vilar Álvarez e eu propio, vimos de facer público na páxina da Fundación o seguinte comunicado, que tamén foi redirixido aos medios de comunicación.
A Comisión Executiva da Fundación Gonzalo López Abente quere facer chegar ao sr. Méndez Ferrín o seu agradecemento polo labor feito como membro do Padroado de dita fundación, xa que se mostrou especialmente comprometido co nacemento e actividade da mesma. Asi mesmo parabenizamos ao sr. Méndez Ferrín – parabéns que personalizamos no Presidente, pero que facemos extensivos a tódolos membros da Comisión Executiva da RAG – polo seu labor na Real Academia Galega, labor que conseguiu achegar a entidade ao pobo galego e facer que sentiramos a Academia como propia.
Agradecemos especialmente o traballo de defensa e compromiso pola dignidade da nosa lingua, nun tempo no que é necesario que tal compromiso sexa real, activo e sen concesións.
Na modesta opinión da Executiva desta fundación, o sr. Mendez Ferrín debería seguir ao fronte da Academia, e así llo pedimos, para garantir que esta entidade siga sendo o lugar onde a lingua galega se vexa xustamente coidada, protexida e promocionada e para que a Academia siga sendo a entidade da que tódolos galegos nos sintamos orgullosos.
En Muxía, 11 de marzo de 2013,
A Comisión Executiva da Fundación Gonzalo López Abente

Esta entrada foi publicada en Lingua, Manifestos. Garda a ligazón permanente.