dEfecto 2000. Antoloxía de poetas dos 90 (Letras de Cal, 1999) en descarga de balde na páxina poesiagalega.org








A considerable mingua orzamentaria de subsidios para a investigación literaria afectou seriamente a súa continuidade, mais polo de agora non puido facer desaparecer ese excelente e a todas luces impagable labor do portal poesiagalega.org, rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixe o poeta e profesor Arturo Casas e o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética).
Entre as súas últimas novidades, agora moito máis demoradas por esa ausencia de axudas públicas, desta volta completan a oferta de descarga gratuíta dos libros editados pola cooperativa editorial Letras de Cal con dEfecto 2000. Antoloxía de poetas dos 90, que fora publicada en papel en novembro d0 1999, pola Asociación Cultura Amaía, entidade que facía de cobertura legal para a editora.
No repositorio poesiagalega.org fanlle esta entrada descritiva:
Consello Editorial de Letras de Cal (ant.) (1999)
dEfecto 2000. Antoloxía de poetas dos 90
Santiago de Compostela: A.C. Amaía. col. Letras de Cal
«Descrición: Edición dixitalizada da antoloxía coordinada polo Consello Editorial de Letras de Cal dEfecto 2000. Antoloxía de poetas dos 90 (A.C. Amaía, col. Letras de Cal, 1999). Poetas representados/as: Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Xabier Cordal, Emma Couceiro, Estevo Creus, Marta Dacosta, Eduardo Estévez, Celso Fernández Sanmartín, Lupe Gómez, María Lado, Igor Lugris, Olga Novo, Manuel Outeiriño, Chus Pato, Isolda Santiago, Séchu Sende, Francisco Souto, Miro Villar e Rafa Villar.
Metadatos: Colección Letras de Cal.
Observacións:
O equipo de poesiagalega.org fai constar o seu agradecemento a Eduardo Estévez pola decisiva colaboración na tarefa de recuperar en versión dixitalizada a colección Letras de Cal, así como polo seu traballo persoal de edición dos libros con destino a este repositorio dixital».
Na ligazón antes citada pódese descargar ou ler un pdf coa antoloxía ao completo, do que reproducín as imaxes da portada e dos poemas da miña autoría que os antologuistas escolleron para as seis páxinas dedicadas a cada poeta representado e que no meu caso fan parte (como se indica en nota a rodapé) dos meus catro primeiros libros de poemas.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía. Garda a ligazón permanente.