«Decembro de cegoñas», un ecopoema contra o cambio climático. Alguén que respira! VI Festival de Poesía para Corpo Principal

DECEMBRO DE CEGOÑAS

É um saber mais vivo, um saber

de ave: águia cegonha falcão,

animais quase no fim

como o lume destes dias.

Eugénio de Andrade, Ofício de paciência (1994)

*

Camiñamos decembro, fálanos un vento ávrego

sen a friaxe da Mudia nin do alto Cadramón

na serra do Xistral, que amou Manuel María.

E a cegoña impasible xa reconstrúe o niño

con gamallos dos kiwis, outra estraña presenza,

emparrados na casa de xanelas feridas,

humilde e xa sen lume.

……………………………….. Lembras: “Polo San Blas /

a cegoña verás” ou “Polo Santiago /

a cegoña nos prados“, cantaruxaba Nai

atusmando o regreso das aves que anunciaban

a primavera (Shoba, poeta e mestre de Basho,

escribiuno hai décadas nun haiku limpo e puro).

Camiñamos decembro, mañá a Santa Lucía.

Lembras: “Saca da noite, / mete no día“. Nai

cantaruxaba “a pata dunha galiña“. Voa

a cegoña, molesta pola curiosidade

e o ladro inoportuno do can que te acompaña

mentres non atopas resposta para as dúbidas.

Son indicios de morte como corvos e pegas

de antano? Son agoiro da nosa necidade?

Ou veñen dar aviso da culpa e do crepúsculo,

como vísceras podres de cetáceos varados

en calquera areeiro, xa non en Caneliñas?

Camiñamos decembro, son os días de advento

cálidos como nunca, baten suaves as ás

da cegoña que volve ao seu niño afanosa,

nin a ave extemporánea nin o can saltarico

saben de vaticinios máis propios de poetas.

Non estamos en tempos de oráculos, incertas

veñen as profecías en contra a negación.

Camiñamos decembro, fálanos un vento ávrego.

Miro Villar, decembro de 2022

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta