«De sempre, para sempre». A Fervenza do Xallas no Ézaro e o Monte Pindo protagonistas no «Portelo do Retorno» de Xosé Manuel Lobato

MontePindo28-09-13
(Imaxe tirada deste álbum de fotos da asociación ecoloxista ADEGA logo da desfeita do lume. Premer nela para agrandar o tamaño)
Máis unha vez Xosé Manuel Lobato, caro amigo e compañeiro de andaina de moitos roteiros, escolle unha paraxe singular da Costa da Morte para un artigo da súa autoría, publicado na súa sección denominada «Portelo do retorno» no diario dixital Noticieiro Galego. Trátase da presenza da Fervenza do Xallas no Ézaro e do Monte Pindo no artigo intitulado «De sempre, para sempre».
Non é a primeira vez que estes espazos aos que describe como «alfaias naturais únicas» son nomeados nas últimas obras narrativas de Lobato, Retorno a Natura (2009) e Máxico tear natural (2011), ambos e dous volumes publicados por Alvarellos. E velaquí o seu retorno a eles, que reproduzo a seguir e que pode ler premendo na ligazón orixinal no citado título:
De sempre, para sempre
O Ézaro atesoura varias connotacións, significa vitalidade, enerxía explosiva, un senlleiro torrente de colorido que reverbera nun halo gasoso dende un epicentro de branco almafí de escuma efervescente.
O río Xallas viaxa por sendeiros diversos, dende a súa nacenza no monte Castelo ten unha infancia feliz, mais axiña encontra con todo tipo de dificultades, excéntricas e retorcidas, no seu camiñar tropeza coa represión do ousado humano nunha ladaíña de encoros irracionais e alteracións contaminantes.
No entanto, o anxo de superación e agudeza destas augas vitalicias, foi ata o momento un dúo inquebrantable para superar tantas dificultades, mesmo a súa liberdade foi cuestionada por algo que lle é inherente. Fuxir e fuxir ao seu antollo, unha propiedade usurpada durante o tempo dunha emperatriz borraxeira que acaparaba en exclusiva o leito do río.
Testemuñas fieis, irreverentes na súa existencia, contemplaron sen inmutarse unha odisea sen par das xalleiras, ás que saúdan efusivamente, os que reciben e veneran con fervor a estas loitadoras e indomables augas son os imperturbables que moran no paraíso pétreo do Pedregal.
O monte Pindo está formado por nobres pedras, únicas, con personalidade de seu, sensibles na súa natureza para co seu veciño nómade, pois este monumento petrificado sabe apreciar e venerar o indomable brinco de superación.
As rosadas do Pindo, achegan unha dose de vida e afoutados folgos a un camiñar fluvial, que no derradeiro intre acaparen toda a súa enerxía para brincar decididas na conquista de liberdade.
Unha sensación que as xalleiras perciben dende o seu nacemento, unha atracción magnética irresistible ata realizar o gran salto. Entón o éxtase do pracer nunha aperta de contraste extremo entre a dozura que transportan e a salinidade que as agarda avalando e devalando sen desmaio.
Fervenza do Xallas e monte Pindo, un binomio perfecto e notable, profesan dende tempos esquecidos un recoñecemento mutuo, así como unha recíproca homenaxe. Un ritual sen comparanza, que nin a ousadía nin a carencia de sensibilidade do ser humano teñen dereito a destruír.
Ollando Fisterra permanecen estas dúas alfaias naturais únicas, un legado dos nosos antepasados, que todos e todas temos o deber e compromiso innegociable de preservar para que xeracións futuras gocen da auténtica beleza.
Xosé Manuel Lobato

Esta entrada foi publicada en Narrativa, Roteiros. Garda a ligazón permanente.