De Lands End (Cornualles) a Fisterra


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
A fotografía foi tirada no Lans End de Cornualles (en córnico: Kernow [ˈkɛrnɔʊ]; en inglês: Cornwall, e en galego talvez habería que dicir coma en portugués Cornualha). Un pequeno grupo dos participantes na viaxe organizada polo Seminario de Estudos da Costa da Morte (Semescom, na súa web hai unha crónica da viaxe feita polo xornalista Xosé Ameixeiras) sorrimos ao pé dun sinal que indica a distancia de 844 millas até a nosa Fisterra. Malia o seu carácter simbólico non gostamos moito da feira e da parafernalia mercadotécnica que teñen artellada neste lugar para “darlle unha cravada” aos visitantes. O noso cabo Fisterra tamén é un caos e carece dun plan director feito con sentidiño, mais logo desta visita ficou claro que este non é modelo que queremos. Aprácenos máis o modelo do cabo máis ao sur, Lizard, onde as persoas paran no lugar e deben camiñar un par de quilómetros até o faro (crese que outro faro córnico semellante, máis ao norte, inspirou a Virginia Woolf para escribir Cara ó faro, que podemos ler en galego en versión de Manuela Palacios e Xavier Castro). Aquí talvez, mais desde logo no Lands End sería moi difícil que eu escribise un soneto como o que inspirou hai moitos anos unha visita ao cabo de Fisterra, poema que máis tarde incluín en Ausencias pretéritas (1992). Por certo, nese texto fago unha paráfrase desa lenda que circula moito e que di que os habitantes da Costa da Morte provocaban naufraxios con fachos. O poeta e guía do Museo da Pesca de Fisterra, Alexandre Nerium, que foi mariñeiro, explicoume cando o coñecín que iso é unha auténtica falsidade, pois dende o mar e con néboa sería absolutamente imposible percibir un sinal de engano semellante. É a nosa lenda de raqueiros.
Que lonxe fica o mundo desde o faro Fisterra
para nós que aprendemos de terras coñecidas,
non pode ser estraño que onde o mar ceifa vidas
no preludio dos tempos fora alma e fin da terra.
Cando nós mesmos temos un vértigo que aferra
as nosas epidermes en cada acometida,
as naos na tempestade son cabalos sen brida
tendo un desequilibrio que oprime veas e aterra.
E os poboadores de antes iluminando o Facho,
con traidor lume aceso nun círculo pedroso
escribindo coas luces historias de naufraxios.
Non mais que era quimera facer da fame empacho
en épocas gañadas pola peste en acoso
e coas trobas tinguidas de funestos adaxios.

Esta entrada foi publicada en Lendas e mitos, Narrativa, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “De Lands End (Cornualles) a Fisterra

  1. O número que marca a distancia a Fisterra (844) sinala os quilómetros, e non as millas, Miro: Manolo Vilar escolleu os quilómetros; as outras distancias do poste si que están en millas (1 milla= 1,6 km). Repara que hai máis distancia entre a punta si¡uroccidental de GB (Land’s End) e a nororiental (John Ó Groats, en Escocia) que do Land’s End a Fisterra.
    Excelentes comentarios os teus sobre a viaxe. No web do Seminario (www.semescom.org) xa está incluído o estupendo artigo de Manolo Vilar sobre a viaxe.

Os comentarios están pechados.