Darío Xohán Cabana no «Álbum de Galicia» do Consello da Cultura Galega

O sitio web do Consello da Cultura Galega vén de publicar unha anotación biobibliográfica no «Álbum de Galicia» sobre o lembrado e chorado amigo Darío Xohán Cabana, coa epígrafe«Poeta, narrador e tradutor, académico da RAG, autor dunha obra ciclópea en lingua galega», que (re)elaborei coas indicacións e suxestións achegadas por Anxos Sumai.

Velaquí a entrada relativa a Darío Xohán Cabana, que tamén se pode ler nesta ligazón onde vai introducida por estes dous parágrafos e inclúe Documentación (cunha escolma de textos do propio autor, entrevista ou artigos diversos sobre a súa obra); Ligazóns (que remiten a diversos textos na rede, incluído o artigo que escribín para o dixital Que pasa na Costa); Videos e Audios (coa propia voz do autor na maioría dos casos); Artigos (coa selección de textos da súa autoría en revistas como Teima ou A Nosa Terra); Periódicas (escolla de textos publicados na prensa da emigración) e Publicacions do CCG.

A biografía de Darío Xohán Cabana entra no Álbum de Galicia

  • 16/2/2022

Recibiu máis de medio cento de premios literarios por artigos, contos ou poemas, presentes en antoloxías e obras colectivas. A súa obra foi musicada por Amancio Prada, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, A Quenlla ou Anxo Rei, entre outros. Darío Xohan Cabana (Cospeito, 1952-2021) entra hoxe no Álbum de Galicia cunha biografía asinada por Miro Villar.

Toda a súa obra está escrita, segundo explica Miro Villar na súa entrada do Álbum de Galicia “cunha lingua de ouro que bebe do léxico patrimonial da tribo labrega chairega e forma unha amálgama, unha aliaxe coa súa sólida formación de humanista con querenza pola nosa máis antiga e culta tradición literaria galega e románica”. Darío Xohan Cabana foi un poeta, narrador e tradutor, académico da RAG, autor dunha obra ciclópea en lingua galega que Miro Villar repasa na súa biografía.

TEXTO BIOGRAFÍA

Darío Xohán Cabana (Roás, 1952 – Romeán, 2021).

Darío Xohán Cabana (Roás, 1952 – Romeán, 2021). Poeta, narrador e tradutor, foi autor dunha obra ciclópea na nosa lingua. Académico da RAG, na que ingresou o 22/04/2006 a proposta de Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, para ocupar a vacante de Manuel María, seu padriño literario e na súa voda con Amelia Outeiro Portela, como sinala no seu discurso de ingreso De Manuel María a Ferrín: a grande xeración. Nesta peza recoñece a súa débeda co editor e poeta Xosé María Álvarez Blázquez, do que aprendeu en Vigo nas Edicións Castrelos moito do labor editorial, desde a corrección textual até a venda de libros, e a quen dedicou unha das súas incursións no ensaio coa biografía Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (2008). Escribe no devandito discurso: «percorrín Galiza enteira, incluso Entre-Eo-e-Navia, o Bierzo e as Portelas de Zamora, nunha furgoneta esbandallada, vendendo libros galegos en cidades e vilas e feiras, principalmente os da benemérita colección O Moucho que co lema de “libros do pobo pra o pobo” inventara Xosé María Álvarez Blázquez, a quen eu teño por un grande e intelixente heroe das edicións galegas».

Participou activamente no nacionalismo desde a mocidade, época na que foi amigo e camarada do militante da UPG morto pola policía franquista Moncho Reboiras. E desenvolveu outros oficios como liberado do sindicalismo nacionalista entre os anos 1978 e 1983, cando gañou unha praza de garda municipal en Corcubión. En 1987 accede a funcionario do Concello de Lugo, durante uns anos como celador do Auditorio e desde 2007 até a xubilación como Coordinador de Publicacións.

Aínda que se inicia na poesía en 1967 nos anos do instituto, co maxisterio de Xesús Alonso Montero, publica os seus primeiros libros en 1970, Verbas a un irmao en edición de autor e Home e Terra (1970), con limiar de Lois Diéguez, da man de Manuel María, quen codirixía a colección Xistral con Ánxel Johán. Nesta década asina tres títulos máis, Romanceiro da Terra Cha (Castrelos, 1973), con prologo de Manuel María, e os outros dous no selo Roi Xordo, que desde Xenebra eludía a censura franquista, e onde utilizou o seudónimo Daniel Méndez O´Dónell, homenaxe a Castelao, Ferrín e un líder nacionalista irlandés. Os poemas deben ser ollados á luz do epigonal socialrealismo da época e neles percíbense dúas direccións temáticas fundamentais, o compromiso cívico e a saudosa evocación da estirpe e da terra nativa. Nos nove poemas de Ferrol 72: Daniel e Amador, condicionados pola intensa actividade política xa hai un maior dominio do oficio literario, alén da facilidade e da destreza métrica e versificatoria, que vai derivar con posterioridade na conformación dunha voz senlleira, coa inflexión que supón a aparición dun poemario amoroso, dedicado a Amelia, Ábrelle a porta ao día (1981). Algúns deses primeiros poemas apareceron na antoloxía bilingüe que preparou María Victoria Moreno para Akal, Os novísimos da poesía galega (1973).

Porén os seus títulos fundamentais e premiados que o consagraron como poeta son da década dos oitenta: A fraga amurallada (Premio Cidade de Ourense, 1982); Patria do mar (Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, 1983), que se abre cun soneto que lle dedicou Ferrín; VIII fragmentos (Premio Cidade de Ourense, 1986), con prólogo de Henrique Monteagudo, e Amor e tempo liso (Premio Celso Emilio Ferreiro, 1986). O seu único poemario dos noventa Canta de cerca a morte, elexía a seu pai labrego Ricardo Cabana Ben, obtivo o Premio Martín Codax en 1994 e publicouse con limiar de Ferrín. Toda a súa produción poética, peneirados algúns textos iniciais, figura en Vinte cadernos: Poemas 1969-2002 (Xerais, 2003), prologado por Moncha Fuentes, e despois desa data tan só publicou Cabalgada na brétema (Galaxia, 2006). A citada compilación xunta case todos os seus versos escritos deica a idade do medio século, que o autor considerou como unha cifra simbólica para render contas. A Nota Bibliográfica no cabo do volume sinala que o proceso de revisión segue a orde cronolóxica da data de escrita e non a da súa publicación e inclúe unha parca explicación sobre a decisión de suprimir algún poema editado ou esquecer deliberadamente poemas ocasionais, ao tempo que tamén deixa fóra os versos narrativos de Chirlo merlo na figueira (1990) e Cinco lendas (1993).

Na década dos oitenta, sen abandonar por completo a palabra comprometida, crea un universo propio e realiza unha arriscada aposta persoal polo formalismo e a contención clasicista, escribindo ducias de sonetos e cancións, influenciadas polo dolce stil nuovo dos poetas italianos, nomeadamente por Dante e Petrarca, autores que nesa época principiaba a traducir de xeito maxistral, mais tamén pola poesía de Ausias March, Ronsard, Shakespeare, os cancioneiros medievais galego-portugueses ou a lírica galega contemporánea, sendo evidente a pegada de Ferrín, sobre todo en Amor e tempo liso, título orixinal e logo desbotado dese libro fundamental que se chamou Con pólvora e magnolias. Outros ecos importantes son os da mitoloxía clásica e do ciclo artúrico, que tamén será relevante na súa narrativa. Ademais deste inxente xogo intertextual coa literatura tamén son de moito interese as alusións á pintura, que inzan o apartado “Algúns figuradores” de Patria do mar.

Na década dos noventa mudou o rexistro poético ao narrativo, alén dun afastado Noticias dunha aldea (1973) que vira a luz en Castrelos, en 1989 gaña o premio Xerais con Galván en Saor, anagrama de Roás, novela inspirada na materia de Bretaña e no ciclo artúrico, como antes fixeran os seus admirados Cunqueiro e Ferrín, ao que seguiron outros títulos, salientando Vidas senlleiras (Premio Cidade de Lugo, 1992), O castrón de ouro (Premio Barco de Vapor, 1993) ou O cervo na torre (Premio Xerais, 1994), distopía sobre a independencia de Galiza. Son textos que abeiran desde a novela histórica, como a longa e épica Morte de Rei (1996) baseada no malfado do noso Rei García, os relatos breves a mesturaren realidade e fantasía no ronsel de Cunqueiro ou unha exitosa entrega de obras de literatura infantil e xuvenil, con libros de habitual prescrición docente nas aulas como As aventuras de Breogán Folgueira.

Se a súa obra poética e narrativa non fose xa abondo meritoria non se pode esquecer a súa paixón e as horas de dedicación ao labor de tradutor, nas diferentes versións que publicou do Cancioneiro de Petrarca ou da obra A Divina Comediade Dante, recoñecida internacionalmente, pois recibiu pola súa coidada versión a Medalla de ouro do concello de Florencia en 1991. E en 1994 a súa Vida nova de Dante recibiu o Premio Ramón Cabanillas de Tradución, o Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Petrarca o Premio AELG de Tradución en 2012, As floriñas de San Francisco o Premio Lois Tobío ao Libro Traducido en 2014 e unha nova versión pulcramente traballada da obra A Divina Comediade Dante o Premio AELG de Tradución en 2014. En todas elas demostrou o seu oficio ao conservar a métrica e a rima orixinais. Realizou tamén moitas outras traducións de mérito e cando lle chegou a morte viña de publicar a súa versión de Xácome o fatalista de Denis Diderot (Galaxia, 2021).

Recibiu máis de medio cento de premios literarios por artigos, contos ou poemas, que tamén enchen ducias de páxinas en antoloxías e obras colectivas. Amancio Prada, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, A Quenlla ou Anxo Rei, entre outros, musicaron poemas da súa autoría.

E toda esta poligrafía foi escrita cunha lingua de ouro, coma Pondal, que bebe do léxico patrimonial da tribo labrega chairega e forma unha amálgama, unha aliaxe coa súa sólida formación de humanista con querenza pola nosa máis antiga e culta tradición literaria galega e románica. Alén da súa obra de creación, o seu profundo coñecemento da lingua está na cerna dos encrucillados que publicaba a diario na prensa galega, un tesouro de palabras.

FONTES PRIMARIAS

Poesía

Verbas a un irmao (1970). Lugo: Edición de Autor. Lugo.

Home e terra (1970). Monforte: Colección Val de Lemos, Xistral.

Romanceiro da Terra Chá (1973), Premio de poesía da Terra Chá. Vigo: Colección Pico Sagro, Castrelos.

Mortos porque Galicia viva (1974), co pseudónimo Daniel Méndez. Xenebra: Roi Xordo.

Elexía nunha escuridade mortal (1974). Xenebra: Roi Xordo.

Ábrelle a porta ó día (1981). Sada: Ediciós do Castro.

A fraga amurallada (1983), Premio Cidade de Ourense 1982. Ourense: Limbo.

VIII fragmentos (1987), Premio Cidade de Ourense 1986. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.

Amor e tempo liso (1987), Premio Celso Emilio Ferreiro 1986. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.

Cantigas de amor vilao (1987). Vigo: Colección Ronsel, Galaxia.

Patria do mar (1989), Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, 1983. Vigo: Colección A Fraga, Ir Indo.

Antoloxía poética (1992). Vigo: n.º 61 da Biblioteca de Autores Galegos, Diario 16 de Galicia.

Recolleita (1992). Santiago de Compostela: El Correo Gallego. (Inclúe os cadernos Cantigas do setenta. A sede, a auga. Os campos da fame. Ferrol 72: Daniel e Amador. O tempo que se foi. Ferrol 75: Xosé Ramón Reboiras Noia. Pedras de gozo e pranto e algúns dos poemas dispersos)

Canta de cerca a morte (1994), Premio Martín Códax. Vigo: Galaxia.

Vinte cadernos (poemas 1969-2002) (2003). Vigo: Xerais.

Cabalgada na brétema (2006). Vigo: Galaxia.

Narrativa

Noticias dunha aldea (1973). Vigo: Castrelos.

Galván en Saor (1989), Premio Xerais. Vigo: Xerais.

Fortunato de Trasmundi (1990). Vigo: Xerais.

O libro dos moradores (1990). Vigo: Ir Indo.

Cándido Branco e o Cabaleiro Negro (1992). Vigo: Xerais.

Vidas senlleiras (1992), Premio Cidade de Lugo. Vigo: Xerais.

A excursión (1992). Santiago de Compostela: Contos do Castromil, nº 8.

O cervo na torre (1994), Premio Xerais. Vigo: Xerais.

Cerco de ferro (1994). Vigo: Nigra. Reeditado na rede (2002) A Coruña: eDixital.

Morte de rei (1996). Vigo: Xerais.

Mitos e memorias (2003). Vigo: Xerais.

Literatura infantil e xuvenil

Chirlo Merlo na figueira (1990). Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.

As aventuras de Breogán Folgueira (1990). Vigo: Xerais.

O avión de Cangas (1992), Finalista do Premio Merlín. Vigo: Xerais.

Cinco lendas (1993). Lugo: Deputación de Lugo.

As viaxes do príncipe azul (1993). Vigo: Galaxia. Traducido ao catalán en 2007.

O milagre das estrelas. Aventuras do Mago Antón no Camiño de Santiago (1993). Vigo: Xerais.

O castrón de ouro (1994), Premio Barco de Vapor. Madrid: SM. Reeditado (2007). Vigo: Galaxia.

Chuco Cacho (1994). Vigo: Xerais.

Inés e a cadela sabia (2000). A Coruña: Rodeira – Edebé.

Dende o Himalaia a Ceilán (2004). Vigo: Colección Lendas, Galaxia.

Ensaio

Historia da Lingua Galega (con Xulio Xiz Ramil) (1988). Lugo: Ophiusa.

Longa noite de pedra: poetas da guerra e da postguerra (con Xulio Xiz Ramil) (1989). Lugo: Ophiusa.

Guía da provincia de Lugo (con Alexandra Cabana Outeiro) (1998). Vigo: Caixavigo.

Monterroso na Ulloa (con Alexandra Cabana Outeiro) (2001). Monterroso: Concello de Monterroso.

A chegada a Lugo do primeiro tren (San Froilán, 1875) (2005). Lugo: Concello de Lugo.

Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo (San Froilán, 1959) (2007). Lugo: Concello de Lugo.

Poetas en Lugo (2007). Lugo: Concello de Lugo.

Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (2008). Vigo: Xerais.

Fernando de Casas Nóvoa en Lugo (2009). Lugo: Concello de Lugo.

Terras de auga e cultura: Lugo, Rábade e O Corgo (2013). Lugo: Concello de Lugo.

Libro de pregóns das festas de San Froilán de Lugo, 1977-2012 (con Xosé Manuel Santiso Fernández) (2013). Lugo: Concello de Lugo.

Lugo, maio de 1836: o nacemento dunha rúa (con Julio Reboredo Pazos) (2016). Lugo: Concello de Lugo.

Traducións

Cancioneiro, de Francesco Petrarca (1989). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Reeditado (2012) Lugo: Edicións da Curuxa.

A Divina Comedia, de Dante Alighieri (1990). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Reeditado (2014) Lugo: Edicións da Curuxa.

Vida nova, de Dante Alighieri (1994). A Coruña: Espiral Maior.

Os tres mosqueteiros (2000), 2 volumes. Vigo: Xerais.

Antoloxía do Doce Estilo Novo (2004), edición bilingüe: italiano-galego. Vigo: Galaxia.

Os trobadores da Occitania (2011). Lugo: Edicións da Curuxa.

As floriñas de San Francisco (2014). Santiago de Compostela: Alvarellos Editora e Xunta de Galicia.

Xácome o fatalista, de Denis Diderot (2021). Vigo: Galaxia.

FONTES SECUNDARIAS

Angueira, Anxo (2014). “A Divina comedia de Dante Alighieri, tradución de Darío Xohán Cabana”. A trabe de ouro: publicación galega de pensamento crítico (100): 141-145.

Angueira, Anxo (2021). “Dante en Galicia. Las traducciones de Darío Xohán Cabana”. Ínsula: revista de letras y ciencias humanas (895-896): 42-46.

Araúxo García, María Teresa (1995). “Primeiros intentos narrativos de Darío Xohán Cabana. Boletín Galego de Literatura (14): 107-112.

Buono, Benedict (2015). “Dante in Galizia: la nuova versione della Divina Comedia di Darío Xohán Cabana”. Quaderns d’italià (20): 239-246.

Calvo Vidal, José Luis; Rodríguez Yáñez, Yago (2007). Conversas con Darío Xohán Cabana. Vida e escrita. Vigo: Xerais.

Calvo Vidal, José Luis; Rodríguez Yáñez, Yago (2008). A voz e o silencio. Bibliografía e estudo en torno a Darío Xohán Cabana. Outeiro de Rei: Fundación Manuel María.

Carro, Xavier (1990). “Benvido, señor Galván”. Grial (106): 240-242.

García Seijas, Nazareth (2006). “Mito y literatura. La reescritura del mito artúrico en la narrativa gallega contemporánea: Darío Xohán Cabana”. Literatura y cultura popular en el nuevo milenio. Actas del II Congreso Internacional de la Sociedad Española de Estudios Literarios de Cultura Popular (SELICUP): 563-592.

Mejía Ruiz, Carmen; García Piqueras, Isabel (1999). “Aproximación á obra narrativa de Darío Xohán Cabana. Grial (127): 371-382.

Mejía Ruiz, Carmen (1999). “Recreación medieval en la obra de Darío Xohán Cabana”. Actes del VII Congrés de l’Associació Hispànica de Literatura Medieval. UJI: 471-480.

Tarrío Varela, Anxo (1994). Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Universitaria. Vigo: Xerais.

Vilavedra Fernández, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega I. Autores. Vigo: Galaxia.

Vilavedra Fernández, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega III. Obras. Vigo: Galaxia.

Villar, Miro (2011 [2003]). “Verbo da emoción, nunha lingua única”. Grial: 159, 97-99. reedición en poesiagalega.org. Arquivo de poéticas contemporáneas na cultura.

<http://www.poesiagalega.org/arquivo/ficha/f/1357>.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Contos, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Infantil, Lingua, Memoria Literaria, Narrativa, Obituarios, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta