«Da poesía e o viño…», unha exposición de Viki Rivadulla


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño do cartaz que anuncia a exposición)
Unha exposición orixinal e singular inaugurou a artista muxiá Viki Rivadulla na casa de xantar e hotel de enecanto A de Loló (Muxía) para conmemorar o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Resulta marabilloso que se produzan iniciativas coma esta desde o mundo dos emprendedores, neste caso da hostelaría.
Por certo, nesa mesma data despois de manifestármonos coa plataforma Queremos Galego á tardiña fomos ao Teatro Principal onde asistimos á representación da nova versión de Criaturas, un texto de Roberto Vidal Bolaño que levou á escena a resucitada compañía Teatro de Aquí, que o propio dramaturgo fundara e que agora está nas mans do seu fillo, o polifacético artista e escritor Roi Vidal.
E na espera cadrou de lle baixar unha cervexa, acompañada dunha arepa, nun café-bar chamado A Xuntanza, na costa de Xelmírez, onde fomos agasallados con dous mini-libros, outra bonita iniciativa hostaleira, desta volta en colaboración coa Libraría Couceiro.
Voltando ao tema inicial, Viki Rivadulla tivo a feliz idea de emparellar letras e viño e artellou unha exposición intitulada «Da poesía e o viño…», que está conformada por uns fermosos debuxos a tinta e viño tinto, que levan todos eles citacións de versos de poetas galegos onde aparece nomeado o viño ou algo aspecto que fixese evocar o mundo da enoloxía.
Entre a escolla, limitada polo espàzo expositivo, figuran un debuxo que inclúe uns versos da miña autoría tirados do libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998). Cabo deles versos de Rosalía de Castro, Victorino Abente, Gonzalo López Abente, Avilés de Taramancos, Manuel María, Uxío Novoneyra, Mª do Carme Krukenberg, Bernardino Graña, Mª Xosé Queizán, Helena Villar, Chelo Suárez, Isidro Novo, Paco de Tano, Paco Souto, Rivadulla Corcón, Alexandre Nerium, Suso Bahamonde, María Lado e Rosalía Fernández Rial.
No meu caso, como se pode ollar na imaxe, Viki Rivadulla integra os dous tercetos que dan cabo ao meu soneto «Adán desexa morrer no paraíso de Eva». Velaquí o poema ao completo:
ADÁN DESEXA MORRER NO PARAÍSO DE EVA
Na laranxa que filtran os teus brazos
cando me fas entrar no teu dominio,
nos peros onde enauga o meu designio
oculto como o mar e os seus argazos,
nas mazás do pecado, nos abrazos,
degoiro ser Adán, sen raciocinio,
no pexego zugado en condominio,
desexo ata morrer coma pedrazos,
no líquido azucrado que me dás,
que bebo pouco a pouco, con agrado
pois acórdame o odor dunha begonia,
na laranxa, nos peros, nas mazás,
no pexego e no líquido azucrado
degoiro o teu sabor de macedonia.
(Debuxo que integra os versos da miña autoría. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Esta entrada foi publicada en Arte, Exposicións, Poesía. Garda a ligazón permanente.