«Da brava costa». Recensión de Armando Requeixo a Dorna Saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García

O profesor e crítico literario Armando Requeixo publica todos os domingos unha recensión no suplemento cultural Nordesía, que se publica de maneira conxunta nos xornais Diario de Arousa, Diario de Bergantiños, Diario de Ferrol e El Ideal Gallego. Na entrega dominical deste pasado 17 de xuño ocupouse, e moito llo agradezo, da obra Dorna Saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García (Edicións Fervenza, 2018). Pódese ler o comentario crítico orixinal neste pdf de Nordesía, mais tamén o reproduzo deseguida.

(SUPLEMENTO DOMINICAL 17 DE JUNIO DE 2018)

DORNA SAUDAL. POEMAS DO MAR E LÉXICO MARIÑEIRO DE ANTÓN ZAPATA GARCÍA

MIRO VILLAR

Edicións Fervenza

Por ARMANDO REQUEIXO (armandorequeixo@hotmail.com)

Da brava costa

A figura do laxense Antón Zapata García (1886-1953) segue a ser hoxe relativamente descoñecida alén do círculo máis ou menos restrinxido dos estudosos e frecuentadores da literatura histórica galega. E isto malia a calidade indiscutible de moitos dos seus versos e as palabras que lle dedicaron voces clásicas, como as de Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carballo Calero ou Alberto Vilanova, e modernas, tal Manuel Amor Couto, Francisco Fernández Rei e, sobre todo, Miro Villar.

É precisamente este último crítico e poeta o que con maior determinación e entusiasmo se ten debrocado no estudo e exhumación da poesía do de Laxe, ao que dedicou unha moi extensa e rigorosa tese doutoral no 2007.

Froito dese intenso traballo ve agora a luz Dorna saudal, que dende o seu subtítulo anuncia a súa razón de ser: Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García.

Por tanto, nos tres centos e medio de páxinas que abrangue este estudo e antoloxía quen a eles se achegue atopará, dunha parte, unha nota biográfica breve mais moi documentada do autor, unha descrición exhaustiva dos seus textos dedicados ao mundo do mar e o léxico mareiro que estes ofrecen e, doutra banda, un compendio de practicamente todos os poemas por el escritos con esta temática.

Dorna saudal é o título que Zapata García deu á segunda parte do volume A Roseira da Soidade (1954), poemario no que se recollen os versos do autor aparecido poucos meses despois do seu falecemento. Nesta edición de Miro Villar recupéranse aqueles trinta e catro textos da sección homónima, engadíndoselles case outra vintena da súa obra poética dispersa que tamén teñen o mar como eixe central e aínda unha escolma de varios fragmentos doutras catro poesías longas nas que esta presenza é significativa.

O libro péchase cunha completa bibliografía arredor de Zapata García e un xenerosísimo capítulo de notas que supera o milleiro de entradas.

Considerado no seu conxunto, Dorna saudal constitúe un inmellorable guieiro para se internar na cerna da poética do laxense e tamén un manual revelador dos valores lexicográficos da súa escrita. Así, quen se achegue a estas planas saberá todo do vocabulario que en Zapata García hai referido ao mar en xeral, á súa xeomorfoloxía, meteoroloxía, aos astros e fenómenos con el relacionados, á navegación e manobras no mar e na terra, as embarcacións, o comercio, natación, pesca, fauna, flora e mesmo fraseoloxía e onomástica mariñeiras.

Agora ben, esta é, antes nada, unha selecta poética, pensada para saber e apreciar mellor a escrita mareira de Zapata García, abraiarse co seu incondicional amor pola brava costa fisterrá, a súa mar natal de Laxe e de toda aquela bisbarra e admirarse do labor heroico dos seus mariñeiros, da beleza incomparable da súa ribeira, da historia que atesouran as súas furnas, as súas mareas, os seus ventos.

De indubidable interese, esta Dorna saudal que estuda, edita e anota o tamén fisterrán Miro Villar é unha escolma de valor tirada do prelo de Edicións Fervenza, responsable da publicación doutros títulos de importancia nos últimos tempos. Deixémonos, pois, arrolar por ela, subamos á súa dorna e proclamemos, como o poeta, “Non che importe se chove ou se lostrega,/ que a destra no timón, en tí confiada,/ agarímate, morna,/ ¡e lévate a Galiza de arribada!”.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Biografía, Estudos literarios, Lingua, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta