Crónica(s) da inauguración da exposición de escultura e pintura de Viki Rivadulla «O meu mar»


(Reprodución da lámina que recibín de Viki Rivadulla. Fotografía feita con dispositivo móbil, premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Non é a primeira que me sucede. Unha das cousas máis gratificantes que ten acompañar cos meus versos a un/unha artista na inauguración dunha súa exposición é que adoitan ter unha inmensa xenerosidade e saes do acto cun agasallo, quer en forma de lámina (coma no caso da que recibimos de Viki Rivadulla), quer en forma dun exemplar deses catálogos de luxo que, en tempos de crise, agora son moito menos habituais.
Desde logo é unha maneira ben máis valiosa e máis honrada que recibir suxos envelopes ou “sobres barcénicos”. E eu saín ben feliz da inauguración da mostra escultórica e pictórica de Viki Rivadulla intitulada «O meu mar», como o mellor poema de Gonzalo López Abente, e que vai ter continuidade nos vindeiros días na Sala do Andar 1 do Pazo da Cultura de Carballo.
Non escribo unha crónica polo miúdo do acto, porque xa o fixeron por min Ubaldo Cerqueiro, no dixital quepasanacosta, con amplo acompañamento gráfico de seu, ou Ángel Palmou, con fotos de José Manuel Casal, na edición comarcal de Carballo de La Voz de Galicia, medio que tamén dispoñibiliza na rede un video do acto (nesta ligazón).
Como dixen, cada poeta recibiu ao remate unha lámina personalizada, a miña inclúe o seguinte texto: «Outro día alborece mentras chegan do mar os primeiros cerqueiros con coros de gaivotas». Trátase dunha inmensa recompensa para quen só contribuíu na lectura deste poema do libro As crebas (Espiral Maior, 2011).
Regreso á casa
Aló vas transparente, como serea atlántica de Lugrís, nos adeuses da invernía que chega, emigras desde o frío a mares do interior na procura da cálida placenta dos afectos que alimenta a palabra orixinal do berce.
Escoitas nas ribeiras serróns e tronzadores e arrecendes outrora o po das serraduras que decoraba as saias da nena rebuldeira en mañás de madeira e de olladas de esguello.
E falas coas escuadras, co nivel, co compás, e acoden á conversa as gubias e os formóns e tamén xa se escoita íntimo o berbiquí a facerche preguntas sobre a inmensidade das mareas no corpo da gamela que soñas.
(Na foto de Ubaldo Cerqueiro, do dixital quepasanacosta, de dereita a esquerda a artista, Viki Rivadulla cos poetas Rosalía Fernández Rial, Paco de Tano, Paco Souto, o alcalde Evencio Ferrero, X. H. Rivadulla Corcón e eu propio. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Esta entrada foi publicada en Arte, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.