Crónica e imaxes da presentación de Breizh na libraría Á lus do candil (Arteixo)




Recibo na miña caixa de correo a crónica e tres imaxes da segunda presentación ou lanzamento do meu libro de poemas Breizh (Toxosoutos), que tivo lugar trasantonte, venres, día 1 de marzo, na libraría Á lus do candil (Arteixo), do amigo poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba. Velaquí:
NOTA INFORMATIVA
Presentación do libro Breizh, de Miro Villar
O venres, 1 de marzo, a libraría “Á lus do candil” acolleu a presentación do novo libro do escritor ceense Miro Villar, titulado Breizh.
No acto, ao que asistiron unhas trinta persoas, interviñeron o profesor e escritor Xosé María Lema Suarez, autor do limiar, e o propio Miro Villar.
Entre os asistentes ao acto estaban caras coñecidas da cultura galega e da Costa da Morte como Luís Lamela, Rosalía Fernández Rial, Nolo Suárez, Francisco Souto ou Xan Fernández Carrera, entre outros.
Miro Villar falou longo e tendido do proceso creativo que inspirou esta nova obra da súa autoría, escrita utilizando a modalidade literaria dos “haiku” xaponeses, e relatou ademais a experiencia da viaxe realizada co SEMESCOM ás terras da Bretaña, que deron orixe ao libro.
Pola súa banda, o presidente do SEMESCOM e escritor, Xosé María Lema Suárez, centrou a súa intervención no limiar que preparou para o libro e da estreita relación cultural das distintas Fisterras atlánticas.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.