Crónica da presentación na USC de 'Bretemada', o poemario inédito de López Abente



(Juan José Casares Long, Reitor da USC; Félix Porto Serantes, alcalde de Muxía e eu propio na fotografía de Álvaro Ballesteros, La Voz de Galicia. Premer na imaxe do pdf para unha mellor lectura)
As edicións comarcais de Carballo e Santiago do xornal La Voz de Galicia publican unha crónica da nova presentación de Bretemada, o libro de poemas inédito de Gonzalo López Abente. Tamén o fixo dunha maneira brevísima El Correo Gallego. O acto tivo lugar onte, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC). De feito Juan José Casares Long, Reitor da USC, actuou de anfitrión e proferiu as palabras de encerramento do acto. Antes intervira o poeta X. H. Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente, que situou a recuperación da obra no contexto dos numerosos proxectos encarreirados desde a entidade. Deseguida Xosé Manuel Salgado, profesor de Literatura Galega da USC (de quen fun alumno en Filoloxía), ofreceunos a súa lectura persoal do poemario salientando o interese da proposta poética abentiana, alén de incidir no relacionamento entre o poeta de Muxía e as obras poéticas de Eduardo Pondal e de Ramón Cabanillas. E antes da miña propia intervención, como responsable da edición de Bretemada e Patrón da Fundación, tamén interveu o editor Henrique Alvarellos, quen sinalou a importancia de acoller este libro na colección Rescate. O acto decorreu de maneira intensa, seguido con atención por catro ducias de persoas. Nin máis nin menos. Obrigado, moitas grazas a todas e todos por virdes.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.