Críticas á retirada da tradución ao córnico no Penn an Wlas / Land's End



As entidades defensoras da lingua córnica están a realizar accións de protesta pola eliminación dunha tradución ao córnico ou cornish de “Fin da Terra” na parte de arriba da entrada ao recinto, e así nolo conta a BBC News.
A primeira das fotografías no Penn an Wlas / Land’s End fixémola na viaxe que realizamos do 22 ó 28 de agosto de 2011 ás terras de Cornualles (en córnico: Kernow [ˈkɛrnɔʊ]; en inglês: Cornwall, e en galego talvez habería que dicir coma en portugués Cornualha), que fora organizada polo Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), presidido por Xosé María Lema Suárez, e que fora planificada con rigorosidade polo noso amigo Manuel Vilar Álvarez, historiador e antropólogo, bo coñecedor do territorio córnico (e británico en xeral). Nesa imaxe da miña autoría pódese ollar aínda o topónimo en córnico, que agora foi eliminado.
Segundo a BBC, a entidade denominada Maga, the Cornish Language Partnership, subliñou que a retirada das palabras “Penn an Wlas” foi un acto de “limpeza lingüística”. E engadiu que tales movementos poden ser prexudiciais para a cultura córnica.
A BBC tamén sinala que o córnico deu en morrer como primeira lingua a finais do século XVIII e que en febreiro de 2009, as Nacións Unidas, certificaron que o córnico estaba extinguido. Porén, en decembro de 2010, a propia ONU aceptou que debería reclasificarse o córnico como lingua en perigo crítico.
Maga, the Cornish Language Partnership, sinala que habería preto de 300 falantes fluentes e moitas máis persoas que terían un coñecemento parcial da lingua. Para a entidade “A lingua está a medrar e cada vez se demanda máis sinalización en todo Cornwall”.
Pola contra, David Bryans, director xeral do Land’s End, sinalou que os cambios foron feitos durante unha remodelación que se realizou para acadar maior atracción e “levar o máximo de turismo posible turismo a Cornualles”, pois a “Fin da Terra é unha atracción turística internacional e temos un ethos multi-cultural”. E que a benvida en cornish aínda se vai mostrar de forma prominente e orgullosa na entrada, ao lado de linguas internacionais como o alemán, español e italiano.
Nós, como é evidente, estamos e estaremos coas entidades defensoras da lingua e da cultura nacional córnicas. E iso por moito que a lingua córnica sexa tan minorizada, mais en proceso de revitalización como se amosa na páxina de Maga, onde podemos escoitar incluso sonetos de William Shakespeare recitados en córnico (Kernewek), nun Festival de Poesía celebrado o pasado mes de abril, como o 65 e o 109. Velaquí:

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Historia, Lingua, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.