Crebinsky, cinema galego premiado en Oaxaca (México)


Nesta bitácora xa falamos da película Crebinsky que puidemos ver na primeira das sete semanas que estivo nos cinemas de Compostela. E lembramos que a nós esta narración surrealista gustóuchenos moito. Daquela a película dirixida por Enrique Otero viña de ser a triunfadora da 16ª edición de Cinespaña, Festival du Cinéma Espagnol de Toulouse, recibindo a Violeta de Ouro que o destacaba como o mellor filme. O xurado do festival outorgou tres premios a esta película galega: á mellor longametraxe de ficción, o premio ao mellor actor, que recibiron ex-aequo Miguel de Lira e Sergio Zearreta, e o premio á mellor música para o seu compositor, Pablo Pérez. Non eran os primeiros, pois este éxito xa se sumaba aos dous premios recibidos este ano no Festival de Málaga (mellor guión novel e premio “Signis”) e os catro galardóns logrados nos Premios Mestre Mateo (mellor actor para Miguel de Lira, dirección artística, dirección de fotografía e maquillaxe e perruquería).
Pois ben, agora Crebinsky logrou un novo recoñecemento internacional á mellor película no Oaxaca Filme, Festival Internacional de Cine Independente e Vídeo celebrado nesta cidade de México.
Novamente, os nosos parabéns (e de maneira persoal ao carnotán Miguel de Lira)!!!

Esta entrada foi publicada en Arte, Cinema, Contos. Garda a ligazón permanente.