Cos ollos nos pés: escribir en galego, unha lingua en proceso de normalización


A primeiros de mes recibín un convite de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente, e Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) para participar no seu convenio de colaboración co semanario Sermos Galiza, unha proposta que ten como obxectivo a visibilización do sistema literario, nomeadamente dos seus autores e autoras, nos medios de comunicación escritos en galego.
A única condición que me puxeron, alén da súa extensión, foi esta: «Para iso existe no semanario un espazo que cada semana acolle un artigo elaborado por un escritor/a socio/a da AELG, unha reflexión desde o punto de vista autorial sobre o propio sistema literario ou o fenómeno literario en xeral que sirva para atraer a atención dos lectores/as sobre a escrita, ben desde unha perspectiva de actualidade, ben de urxencia ou de balance. Esta reflexión pode nacer do persoal proceso creativo, dos referentes, da lecturas e influencias que alimentan a propia obra, das circunstancias biográficas que as facilitaron…»
E o meu artigo viu onte a luz nunha columna na derradeira páxina da edición en papel do nº 32 (25 de xaneiro do 2013) do semanario Sermos Galiza. Deseguida reproduzo o texto, que adaptou á brevidade da extensión solicitada un outro que xa tiña escrito con anterioridade. Velaquí:
Cos ollos nos pés: escribir en galego, unha lingua en proceso de normalización
A miña lingua nativa é o fascismo…
Chus Pato, Fascinio
Este verso, magnífico, de Chus Pato xa valería en por si para nos enguedellar horas a falar das relacións do/a escritor/a galego/a coa lingua. Ora ben, permítaseme neste momento reducir a súa plurisignificación a unha lectura historicista strictu sensu. É evidente que a poeta coas súas palabras pretende rexeitar, repudiar ou mesmo condenar, a situación lingüística (e non só isto) vivenciada na súa mocidade e na súa conformación como creadora, nunha etapa persoal que transcorreu na agonía do franquismo.
Desde o historicismo, os poetas dos 90 teriamos que falar de que a nosa lingua nativa é o Estatuto de Autonomía de Galicia, xa que este conxunto de disposicións legais propiciou o feito de sermos educados case integramente coa lingua e a literatura galegas, pois en 1980 principiou a súa implantación como materia de estudo no ensino. Ademais, nesa altura, algúns dos nosos profesores foron poetas que conforman a denominada ‘xeración dos 80’. Este piar da normalización lingüística do galego incidiu no noso mellor coñecemento das estruturas do idioma, ata o punto de que hoxe non debería ser un valor engadido falar do nivel lingüístico dun libro de poemas.
Daquela, escribo en galego, porque as circunstancias históricas son outras e porque podo dicir, ben alto, a obviedade de que escribo en galego porque son galego de Nación. E por esta razón non escribo en castelán, como non escribo noutras linguas.

Esta entrada foi publicada en Lingua. Garda a ligazón permanente.