Convocatoria do II Premio de Poesía Gonzalo López Abente


Fundación Gonzalo López Abente vén de convocar o II Premio de Poesía Gonzalo López Abente, para libros de poemas en lingua galega. en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Conselleria de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
As bases da convocatoria, que reproduzo deseguida, tamén se poden ler na páxina web da Fundación ou no dixital quepasanacosta. Tan só lembrar que o prazo de presentación de orixinais pecha o 15 de maio do 2014.
II PREMIO DE POESÍA GONZALO LÓPEZ ABENTE
A Fundación Gonzalo López Abente, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, convoca o II Premio de Poesía Gonzalo López Abente
1. Poderán concorrer ao II Premio de Poesía Gonzalo López Abente autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados serán inéditos, condición que se estende ao soporte dixital, e non poderán estar premiados en ningún outro concurso de poesía.
2. A extensión dos textos non deberá ser menor a 400 versos.
3. De cada orixinal presentarase en sobre pechado sen remite catro copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas ou grampadas, antes do día 15 de maio na sede da fundación:
Fundación Gonzalo López Abente
R/ Virxe da Barca, 49. C
15124 Muxía (A Coruña)
Indicarase no sobre “II Premio de Poesía Gonzalo López Abente”.
4. Os orixinais presentaranse baixo lema e xunto coas copias achegarase un sobre pechado, identificado co mesmo lema, que conterá o nome e os apelidos do autor ou autora, enderezo postal, número de teléfono e enderezo electrónico.
5. O xurado estará composto por tres poetas de recoñecido prestixio no ámbito da literatura galega e como secretario/a actuará un representante da fundación.
6. O premio terá una dotación única de 2.000 €, suxeito á normativa fiscal vixente e mais unha peza escultórica conmemorativa. A obra premiada será propiedade do seu autor ou autora, agás a primeira edición, que será publicada por Edicións Xerais de Galicia. En posteriores edicións, ao igual que na primeira, farase constar a condición de premiada no II Premio de Poesía Gonzalo López Abente.
7. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.
8. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da fundación, previa solicitude, no prazo dun mes. Os que neste prazo non sexan recollidos destruiranse.
9. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das bases e da interpretación que delas faga o xurado, non admitíndose recurso contra a decisión que este adopte nas súas funcións.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.