Contra a violencia, en plural


Hai uns días visitei, co amigo Lobato, a mostra fotográfica FotoPres “la Caixa” 09, que se exhibe no compostelán Colexio de Fonseca, cos traballos premiados na última edición do certame da obra social de “la Caixa”, o que demostra a importancia de as caixas manteren o seu apoio á cultura agora que están en proceso de absoluta bancarización. Nesta edición de FotoPres atopamos un percorrido por 135 fotografías que reflicten a violencia, en plural, ao teren como fío común a reflexión sobre as condicións de vida de diversos países con situacións de conflito. Entre elas salientan o primeiro premio, outorgado a “Violencia de xénero en Pakistán” de Emilio Morenatti (fotoxornalista que, por certo, perdeu un pé por unha bomba en Afganistán); o segundo a “Violencia post electoral en Kenia” de Walter Astrada e o terceiro a “Líbano, entre mar y fuego” de Alfonso Moral, todos tres magníficos fotoxornalistas na miña opinión. E todas son imaxes que moven á reflexión, porén é imposible (agás que un sexa insensible) non saír impactado polas fotografías do primeiro premio, que o seu autor explica aquí. E iso que o cartaz escolle a imaxe menos dura de toda a serie de rostros de mulleres afectados pola violencia masculina. Malia a dureza teño que recomendarvos que non a perdades, aínda está en Fonseca até o próximo 2 de outubro. E ao abrirdes os ollos abriredes tamén o voso corazón e a vosa emotividade, sen dúbida.

Esta entrada foi publicada en Arte, Exposicións, Fotografía, Historia. Garda a ligazón permanente.