Contra a explotación dunha mina de ouro con lixiviado de cianuro en Corcoesto (Cabana de Bergantiños)


Corcoesto é un lugar do concello de Cabana de Bergantiños que xa foi literaturizado por Eduardo Pondal no seu Queixumes dos pinos (1886) no poema trece.
13
Meniña, rapaza nova,
ouh, rosa de Corcoesto,
que brandeas con gracia
ós doces sopros do vento:
se é certo que por ti vivo,
se é certo que por ti peno,
se tan doce e dadivosa,
como din que es, é certo;
cúrame, oh rapariga,
estas suidades da alma,
de non sei qué, que padezo;
ti tes dos meus males a doce menciña,
¡ouh, rosa de Corcoesto!
Agora a paisaxe de Corcoesto está ameazada pola explotación dunha mina de ouro a ceo aberto. Así nolo conta unha plataforma ambientalista artellada contra esta desfeita, cuxa iniciativa aínda se pode asinar neste actuable. Velaquí o texto que acompaña as sinaturas:
«Unha empresa canadiana proxecta abrir unha mina de ouro a ceo aberto en Corcoesto (Cabana de Bergantiños, en A Coruña), utilizando como tecnoloxía para separar o ouro a lixiviación con cianuro. Este método está prohibido en varios países como República Checa, Hungría, e algúns dos estados de Estados Unidos, foi rexeitado polo Parlamento Europeo segundo Resolución de 5 de maio de 2010 sobre a prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea.
O noso Goberno da Xunta de Galicia, lonxe de oír os consellos do Parlamento Europeo ao respecto, quere dar a este proxecto a consideración de PROXECTO INDUSTRIAL ESTRATÉXICO, segundo a Lei 13/2011 do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia recentemente aprobada polo Parlamento Galego. Con esta cualificación no seu poder, a empresa quedaría exenta do cumprimento de moitas normativas, tanto no ámbito urbanístico como a nivel ambiental.
Dende a Plataforma en Defensa de Corcoesto, queremos facerlle saber aos responsables das distintas Administracións involucradas na aprobación deste proxecto o rexeitamento social cara o mesmo, á súa forma de tramitación, e tamén ao tratamento dos afectados e á total desinformación por parte dos representantes políticos».
E, por último, velaquí a nova da denuncia no dixital sermosgaliza.

Esta entrada foi publicada en Manifestos. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Contra a explotación dunha mina de ouro con lixiviado de cianuro en Corcoesto (Cabana de Bergantiños)

  1. Pingback: As crebas » Eduardo Galeano tamén contra a explotación dunha mina de ouro con lixiviado de cianuro en Corcoesto (Cabana de Bergantiños)

Os comentarios están pechados.