Contra a cultura, nin represión nin violencia policial


(Fotografía tirada do dixital diarioliberdade. Non premas na imaxe senón queres que o tamaño da policia ocupe toda a túa fiestra)
Desde a miña chegada a Compostela en 1990 para cursar Filoloxía Hispánica, na especialidade de Galego-Portugués (tal era a súa denominación naquela altura), asistín a moitas proxeccións de cinema, moitas de cinema comercial na sala privada mais tamén moitas películas do ciclo Cineuropa que organiza o Concello de Santiago de Compostela, e tamén a algunhas representacións teatrais na hoxe baleira Sala Yago (pechou en xuño do 2007). Mesmo durante varios anos teño levado ao meu alumnado de Fisterra a ollar teatro en funcións didácticas de mañá para centros escolares.
A semana pasada un grupo de mozas a mozos de movementos alternativos procederon á súa ocupación e forzaron a reapertura da Sala Yago como espazo cultural. Pois ben, o actual alcalde compostelán xa advertiu onte que “les va a caer todo el peso de la ley” nunha desas arroutadas de prepotencia fascista que tanto o caracteriza. A ameaza cumpriuse hoxe. A reivindicación desta sala como un espazo público e cultural para a cidade non chegou a facer nin tan sequera unha semana. Unha violenta carga policial, que se iniciou por mandato xudicial, deu paso á operación de desaloxo do antigo teatro compostelán, que culminou coa detención de once persoas. Así nolo contan algúns medios de información, mesmo con material videográfico.
Pódese estar en desacordo coa ocupación (Nós non), mais esta sempre foi pacífica e as “actividades delituosas” que aló se estaban a cometer eran algo tan perigoso para a cidadanía como concertos, proxeccións e outras actividades de carácter cultural, e até entidades como o Cineclube de Compostela anunciaran na súa bitácora que trasladaban as súas actividades a este local.
Desde aquí a nosa solidariedade.

Esta entrada foi publicada en Arte, Historia, Manifestos. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Contra a cultura, nin represión nin violencia policial

  1. Pingback: As crebas » Pola boca morre o peixe…

Os comentarios están pechados.