«Contemplación do solpor en Fisterra». Homenaxe a Manuel María

ManuelMaríaVersosdolume
ManuelMaríaCompendio
ManuelMaríaSonetos
(Portadas dos tres libros de Manuel María citados. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
A pedimento do escritor José Estévez López, compilador dun volume poético de homenaxe a Manuel María que xa está no prelo, en novembro do pasado ano escribín o soneto, até hoxe inédito, «Contemplación do solpor en Fisterra», que cumpría coa obriga de estar inspirado ou motivado por uns versos de Manuel María.
O meu soneto dialoga co poema «Fisterra» do seu libro Versos do lume e o vagalume (1ª ed: Galiza Editora, Ourense, 1982, portada e ilustracións de Joám Guisán Seixas; 2ª ed. testamentaria: Obra poética completa II (1981-2000), Edicións Espiral Maior, col. Ópera Prima, A Coruña, 2001), mais implicitamente tamén se dialoga con outros dous libros da súa autoría: Compendio de orballos e incertezas (1ª ed: Edicións El Correo Gallego, Santiago de Compostela, 1991, ilustracións de Xurxo Fernández) e os Sonetos á casa de Hortas (1ª ed: Edicións Espiral Maior, col. A Illa Verde, nº 29, A Coruña, 1997, limiar do propio Manuel María).
Velaquí ese diálogo poético:
Cheguei a Fisterra, alí onde
o sol desmaiado e silandeiro
morre no mar como unha bágoa.
«Fisterra», Versos do lume e o vagalume.
Obra Poética Completa, II (1981-2000)
Manuel María
CONTEMPLACIÓN DO SOLPOR EN FISTERRA
Chegaches a Fisterra, para ollares nas portas
do mar da costa brava como morre o Solpor.
E foi na decadencia do seu vello esplendor
onde apareceu lonxe, ben lonxe a casa de Hortas.
E a vida, labirinto que se enche de retortas,
transcorreu ben ás présas, ferida no fulgor,
tal vítima indefensa de animal predador
ou auga que un muíño remansa nas comportas.
Chegaches a Fisterra, fin deste mundo noso,
estrema dun camiño de medieval romeiro,
con escura incerteza no fondo do teu ser.
Con ollos no horizonte fermoso e misterioso
no verso interrogaches que hai de verdadeiro
no ceo ou no inferno para Nós comprender.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Poesía. Garda a ligazón permanente.