«Contemplación do solpor en Fisterra» en Manuel María, libro colectivo de homenaxe


Con notorio retraso sobre a data prevista, vén de saír do prelo do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo o groso volume intitulado Manuel María, libro colectivo de homenaxe no seu día das Letras Galegas. 17 de maio de 2016, coordinado polo escritor José Estévez López, no que participan máis de 460 persoas do mundo da cultura, da política e sindical, do ensino.
Nas 594 páxinas do volume figura un soneto da miña autoría, até hoxe inédito, «Contemplación do solpor en Fisterra», que cumpría coa obriga de estar inspirado ou motivado por uns versos de Manuel María.
O meu soneto dialoga co poema «Fisterra» do seu libro Versos do lume e o vagalume (1ª ed: Galiza Editora, Ourense, 1982, portada e ilustracións de Joám Guisán Seixas; 2ª ed. testamentaria: Obra poética completa II (1981-2000), Edicións Espiral Maior, col. Ópera Prima, A Coruña, 2001), mais implicitamente tamén se dialoga con outros dous libros da súa autoría: Compendio de orballos e incertezas (1ª ed: Edicións El Correo Gallego, Santiago de Compostela, 1991, ilustracións de Xurxo Fernández) e os Sonetos á casa de Hortas (1ª ed: Edicións Espiral Maior, col. A Illa Verde, nº 29, A Coruña, 1997, limiar do propio Manuel María). Velaquí ese diálogo poético:
Cheguei a Fisterra, alí onde
o sol desmaiado e silandeiro
morre no mar como unha bágoa.
«Fisterra», Versos do lume e o vagalume.
Obra Poética Completa, II (1981-2000)
Manuel María
CONTEMPLACIÓN DO SOLPOR EN FISTERRA
Chegaches a Fisterra, para ollares nas portas
do mar da costa brava como morre o Solpor.
E foi na decadencia do seu vello esplendor
onde apareceu lonxe, ben lonxe a casa de Hortas.
E a vida, labirinto que se enche de retortas,
transcorreu ben ás présas, ferida no fulgor,
tal vítima indefensa de animal predador
ou auga que un muíño remansa nas comportas.
Chegaches a Fisterra, fin deste mundo noso,
estrema dun camiño de medieval romeiro,
con escura incerteza no fondo do teu ser.
Con ollos no horizonte fermoso e misterioso
no verso interrogaches que hai de verdadeiro
no ceo ou no inferno para Nós comprender.
(Portadas dos tres libros de Manuel María citados)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Contos, Infantil, Narrativa, Poesía, Teatro. Garda a ligazón permanente.