Con versos de poetas chairegos, o Roteiro do Azúmara (PR-G 154) en Castro de Rei

Created with Nokia Smart Cam
(Fotos realizadas con dispositivo móbil. Premer nas imaxes para agrandar o seu tamaño)
Onte, domingo, para desenferruxármonos do inverno principiamos a nosa tempada de andainas co curto e doado (se se fai en dirección descendente) Roteiro do Azúmara (PR-G 154) en Castro de Rei, de pouco máis de oito quilómetros e que nós fixemos en dúas horas, sen canseira ningunha e coa axuda dun tempo moi grato para facer unha camiñada.
O roteiro, creado e acondicionado en 1998 pola asociación Amigos da Feira de Castro de Rei, vai desde o Museo Arqueolóxico e Castro de Viladonga até a propia vila de Castro de Rei de o facermos en sentido descendente (é moito máis duro ao revés). Nós principiamos ás once da mañá, xa sen resto das primeiras néboas, deixando para outra ocasión unha nova visita ao museo e ao castro, onde xa estivemos noutras ocasións e que paga a ben visitar se non se coñece.
O camiño estaba en bo estado, non coma outros roteiros do País (mesmo homologados coma este, que están en abandono) e até deberon realizarlle non hai moito unha limpeza, porque en ningún momento o atopamos pechado por silveiras ou mato. A sinalización é boa, agás algún sinal que estaba deitado no chan, e ten o valor engadido de podermos ler algúns poemas de autores chairegos, como testemuñan as fotografías realizadas con dispositivo móbil, nas que non está o poema inicial, o emblemático «Terra Cha» de Manuel María. A cada pouco tamén nos vai aparecendo en sinais de madeira o topónimo Castro de Rei e un torques que identifica o roteiro.
Despois de deixarmos o Museo Arqueolóxico e Castro de Viladonga, principia a única e leve encosta que nos leva pola cima de Balmonte (seica é o Monte Cordal, segundo lemos despois) desde onde se pode ollar ao lonxe a serra de Meira ou os montes do Cadramón, e quen o saiba identificar tamén poderá enxergar o nacemento do río Miño, o Pedregal de Irimia (mais non o soubemos encadrar) e no horizonte, nomeadamente nos vales, algunhas das aldeas (ou barrios, como lle din por aquí) da contorna.
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
(Premer nas imaxes para agrandar o seu tamaño)
Antes da baixada aínda podemos ler o poema de Lois Diéguez “Mais pode haber outra cidade viva…”. Por certo, o propio Lois Diéguez ten escrito unha magnífica descrición do roteiro (velaquí o pdf). Deseguida o roteiro comeza o seu descenso que xa nos vai acompañar até o remate, sempre na procura do río Azúmara. Así e todo, os tramos que van á beira do río son moi escasos e moitas veces só pode adiviñarse polo seu gozoso son. Moitos outros roteiros que temos feito abeiran máis as correntes (poñamos por caso o Roteiro dos Tres Ríos, PRG 121, en Touro ou Roteiro da Ponte do Ramo, PRG-123, en Cuntis).
A vexetación é a propia destes espazos naturais, con abundancia de ameneiros e carballos (como a carballeira do Rei), mais para a nosa decepción con presenza cada vez máis ameazante de eucaliptos, novos en idade e que xa inzan algunhas partes do percorrido.
Created with Nokia Smart Cam
(Premer nas imaxes para agrandar o seu tamaño)
Pouco despois da metade da andaina e atravesadas xa algunhas pontellas chegamos até unha mina de arsénico abandonada que nos recibe con outro panel para explicar a súa historia e a súa importante contribución ao desenvolvemento da zona. A información é moi completa e ben interesante, aínda que tamén notamos a faltar algún comentario sobre a saúde laboral das persoas que aquí traballaron, dada a toxicidade e certa rudimentariedade nos métodos extractivos como alí se detalla.
A escasos metros está A Fieitosa, onde naceu o poeta Francisco Vega Ceide, que asinaba co seudónimo de Francisco de Fientosa. Velaí a razón que explica o poema que atopamos. Antes, noutra zona da baixada xa atopamos outro poema de Xesús Rábade Paredes, que é o texto de máis difícil lectura. Velaquí un e outro.
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
(Premer nas imaxes para agrandar o seu tamaño)
Axiña chegamos a Castro de Rei, logo de cruzarmos o Azúmara por dúas pontellas de madeira, nunha brevísima encosta que nos leva á praza do Concello, onde atopamos ao ser domingo unha pequena feira ou mellor dicir mercadiño, porque xa non existe a vella feira de comercio de animais (porcos, ovellas, bestas…) e xa só hai vendedores ambulantes de embutidos, queixos, froitas, calzado e roupa. Un mercado pequeneiro, escaso de xente, e onde nin sequera atopamos un panadeiro a quen lle mercar pan do día.
Antes de marcharmos soubemos que a poucos metros des mesmo lugar principia outro roteiro breve que haberemos facer outro día, denomínase «A rota da Escrita» e seica na camiñada poderemos atopar 24 poemas de poetas chairegos. Nós fotografamos con dispositivo móbil o primeiro da serie, que ten a particularidade de estar escrito no orixinal bretón por Anjela Duval, aquí grafada como Angela, e a súa versión na nosa lingua.
(Premer nas imaxes para agrandar o seu tamaño)
Created with Nokia Smart Cam

Esta entrada foi publicada en Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.