(Foto tirada do xornal dixital Galicia Hoxe)
Onte estivemos pola vila de A Estrada, para acompañarmos a Héitor Picallo no acto cultural no que se lle facía entrega do XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, e que tivo lugar no recinto da Feira do Moble de Galicia na Fundación de Exposicións e Congresos. Partillamos co premiado escritor da veciña vila de Cuntis (ou a Vila do Baño), coa súa compañeira Eva Liñeira, e con amigas e amigos seus, que tamén son meus, como a profesora Maka Arca e seu pai o escritor e vello mestre Olimpio Arca (que é autor dun monográfico sobre Manuel Reimóndez Portela), con Ana Mosquera e o seu compañeiro Marcial, coa pintora Soledad Pite, cos tamén escritores Daniel Asorey Vidal, Ramón Blanco e a súa compañeira Eva, e tamén co historiador Xosé María Lema Suárez (moi vencellado á vila de A Estrada, onde se xubilou como profesor e onde fai parte da coral polifónica e que tamén gañou este mesmo certame nunha anterior convocatoria). Tamén tivemos ocasión de saudar ao académico e escritor Xosé Neira Vilas, ao investigador literatrio Marcos Seixo Pastor e a concelleira nacionalista de Cuntis Belén Pazos ou ao editor Manuel Núñez, das Edicións da Fervenza.
O acto principiou cunha ofrenda floral no monolito a Manuel Reimóndez Portela, na que fixo unha lectura poética o amigo Xosé Luna (a quen lle escribín o epílogo do seu primeiro poemario Memorias do Cairo, 2003) que tamén fai parte das Edicións da Fervenza.
Deseguida entramos no recinto para o propio acto de entrega, coas intervencións das autoridades, entre elas o estradense Valentín Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, asi como do mantedor literario do acto que desta volta foi o académico, escritor e profesor Víctor Fernández Freixanes.
Todos os discursos foron floridos e de profundo amor á nosa lingua, mais algúns ofrecían moi pouca credibilidade. Como se adoita dicir, moita teoría e pouca praxe. Porén, para nós, o importante era escoitarmos ao noso amigo Héitor Picallo, a quen o xurado do XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela outorgoulle o galardón, por unanimidade, por catro artigos publicados que teñen como cerna a cuestión lingüística: «E ti de quen vés sendo?… Eu son galego. 18 de outubro, na dignidade do idioma» (Diario de Arousa, 18-X-2009); «Galicia hoxe, Galicia hoy, Galicia today» (Diario de Arousa, 24-VII-2011); «Amar o galego é amar a humanidade» (Diario de Arousa, 17-VI-2012) e «Conciencia e consciencia lingüística. Dende Diego Xelmírez até hoxe» (Diario de Arousa, 24-VI-2012). No ditame tívose en consideración “o gran dominio do xénero xornalístico do premiado, así como a linguaxe culta, rica e variada que amosa o autor, transmitíndolle ao lector a importancia do uso do galego, en perfecta convivencia con calquera outra lingua. A defensa do idioma está feita dende o mais fondo respecto, sensibilidade e tolerancia”.
O discurso de Héitor Picallo foi excelente e das súas páxinas reproducimos deseguida os derradeiros parágrafos:
Igualdade?, cando se lle resta ao noso idioma o estatus xurídico que se merece, porque é a lingua propia de todos nós, porque a crearon os nosos devanceiros e con ela amaron e morreron nas súas últimas verbas. Acórdome daquela vez que nun debate sobre a Reforma do Estatuto de Autonomía de Galiza (organizado pola Asociación O Fervedoiro), Xesús Palmou –daquela Deputado no Parlamento Galego– afirmaba que non era lóxico que o idioma tivese un estatus xurídico inferior ao castelán. Pero ben, xa se sabe que dende a diferenza tamén se pode aprender. Recordo ese día –no que participei como moderador no debate– como persoas nacionalistas, outras de Esquerda Unida e o citado deputado souberon compartir palabra –dende o respecto– e, logo do acto, uns pinchos de tortilla e un viño do país. A chave está no diálogo, na confrontación de ideas e a crítica, aínda que non todas as persoas gustan deste método, por desgraza,… Incluso algunhas empregan o galego como arma arreboladiza.
Por iso, os que cobren por defender a lingua que loiten por tal propósito, por mudar o seu raquítico e escuálido estatus xurídico. Outros farémolo dende a gratuidade e o altruísmo, dende o activismo cultural de base e o estímulo social, aínda que nos tachen do que queiran. Porque aviso; os que estamos aquí, non cobramos por falar en galego, falámolo dende a honra aos nosos maiores e o respecto a esta Matria enorme que nace ao pé do Atlántico baixo as ondas de Manuel Antonio e Antón Zapata (na voz de Miro Villar), xusto incluso debaixo da estrela que alumeou o dolmen de Eduardo Pondal. Nós, curiosamente, gastamos o idioma a diario –como quen gasta zapatos novos con fachenda unha mañá de domingo– e canto máis gastamos, máis se conserva e estende.
Igualdade cando o español supera en estatus xurídico ao noso idioma nacional, pai do portugués e das variantes brasileira, angolana, caboverdiana,… como dirían Xosé Lois García e Luís Gonçáles Blasco? Igualdade cando se quere que o inglés teña máis importancia nas nosas vidas que a lingua coa que bicamos e coa lle damos nome a toda a xeografía dende o mesmo momento en que deixamos no horizonte pousada a nosa vista?… U-la? Non a vexo.
Günther Dauwen, amigo de noso e director da European Free Aliance, grupo do Parlamento Europeo que une esforzos cos Verdes, encargábame hai unhas semanas realizar unha caricatura ou viñeta para certa campaña lingüística internacional: Unha gran quenlla (que representa o inglés) pretende devorar as 22 outras linguas europeas (simbolizadas por medio de rapantes, lorchos, xardas,…). Mais aquí uns peixes de estado engolen as nosas linguas nacionais, e aqueles depredadores –de se despistaren– han ser eliminados pola gran quenlla sagrada, reverencia e símbolo da globalización que eu non amo.
Fraternidade? Onde están os irmáns? Falta ese espírito de irmandade e unión que debéramos sentir todos e só se afirma, reafirma e confirma nalgúns. Que mal senta o galeguismo cando non se sente! Houbo algún presidente da Xunta que esixise a todos aqueles que aldraxaron ou aldraxan o noso idioma que pedisen desculpas públicas? Non… Porque cando se mofan do noso idioma ou de cada unha das nosas persoas, fano con todos nós, e incluso con eles mesmos –os que non esixen desculpas. Que pasaría se un país estranxeiro a España o fixese co castelán? Conflito internacional, e todos coma lobos comezarían a ouvear en manada. Velaí o feito. Pois logo que non se asuste ninguén cando algúns ouveamos, e lanzamos o berro de que amamos a nosa lingua por enriba de que calquera cousa material, prezo, salario ou dote. Somos galegos no mellor e no peor sentido da palabra por obra e graza do idioma.
Fraternidade,… cando día si, día tamén, van pechando xornais como A Nosa Terra, Galicia Hoxe, A Peneira, Xornal de Galicia… e subvenciónanse editoriais alleas? Así, deste xeito, elimínannos os medios de expresión, os vehículos de voz e de sentir, para deixarnos mudos. Porén, o noso país é coma a lendaria ave fénix,… rexerámonos dende as borrallas e farémolo mil unha veces, se fai falla: xa están aí Praza Pública, Sermos Galiza, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Galiza Contrainfo,… E velaí vén O Quinteiro xa guindando buxainas no camiño! Somos xente creativa e creadora, non acreditamos na destrución senón en facermos espazos habitábeis para as nosas vidas sociais e culturais.
Liberdade? Se non nos deixan selo. Se as súas normas, estruturas e aparatos condicionan as nosas existencias e o progreso da nosa terra e cultura. Liberdade para pensar? Se por querer gustarían de facelo por nós. Eles foron libres –nós non– para sacarnos a pesca, o gando, as caixas de aforro e a forza do vento,… e eles queren selo para furtarnos o máis comunal deste noso paraíso: a linguaxe na que ecoan por entre os piñeiros os rumorosos sons de hai máis de 1000 anos.
Para rematar, quero dedicar este premio a un par de irmáns que hoxe xa están na Grande Ribeira, que defenderon ao longo da súa vida a palabra de noso e que, outrosí, foron para min estímulo e estereotipos a imitar: o irmán Isaac Díaz Pardo (este si, bo e xeneroso, ben o saben Maka Arca e Ana Mosquera) e o irmán Avelino Pousa Antelo (este tamén, bo e xeneroso, sábeno os da Tribo da Quenlla). Pero tamén o premio vai en recoñecemento de dous colectivos vivos e activos neste mar de lingua. Os seus nomes: os Equipos de Normalización Lingüística e a miña casa no amor á palabra, a Asociación Cultural O Fervedoiro.
Por iso dende aquí, dende a verdadeira República, a República dos irmáns e a Palabra, agradézovos –amigos– a vosa presenza, tempo e amizade. E ínstovos a todos e todas, asistentes e institucións, xentes de dereitas e de esquerdas, persoas do sol ou das estrelas, progresistas ou conservadores (todos e todas facemos falta e ninguén sobra!) a que non vos apartardes da singradura pola que debera avanzar a nosa dorna, impulsada pola lingua na súa vela (salgada de azul e vento), para dende a lealdade á esta Terra, sexamos sempre, Galiza Sempre, Sempre en Galiza,… Lingua patria e Nazón de Breogán.
crebas twitter
-
Artigos recentes
- «Viaxe ao Norte de Alemaña e cidades da Hansa». As crónicas do xornalista e viaxeiro Xosé Ameixeiras
- «Reivindicación dun legado poético da Costa da Morte», artigo en Grial 242
- Lanzamento da edición facsimilar de Estebo, de Xosé Lesta Meis, co estudo introdutorio “Unha voz crítica da emigración galega a Cuba” da miña autoría (Obra de libre descarga)
- «Gaza on fire / Xenocidio televisado», poema na antoloxía de solidariedade Cantos de dor e liberdade
- «Pondal, Martelo e López Abente subiron de novo aos Penedos», a crónica de Xela Cid do roteiro literario polos Penedos de Pasarela e Traba organizado polo Semescom
Categorías
- Antoloxías
- Arte
- Autografías
- Banda deseñada
- Biografía
- Cinema
- Congresos
- Contos
- Documental
- Efemérides
- Encontros
- Ensaio
- Entrevistas
- Epistolarios
- Estudos literarios
- Exposicións
- Fotografía
- Gravacións
- Historia
- Humor
- Infantil
- Lendas e mitos
- Lingua
- Literatura medieval
- Manifestos
- Manuscritos
- Memoria Literaria
- Música
- Narrativa
- Obituarios
- Poesía
- Política
- Premios
- Presentacións
- Radio
- Recensións
- Roteiros
- Sen categorizar
- Teatro
- Televisión
- Tradicións
- Versións ou traducións
- Xornadas
- Xornalismo
Comentarios recentes
- Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2024 | crebas.gal en Que a Terra che sexa leve, Pólvera
- “De rosa antiga” | Tirar do fío en Recensión a De rosa antiga. 50 anos de Poesía (1972–2022), de Helena Villar Janeiro, en Grial 237
- Recensión da antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra, compilada por Alexandre Nerium, en Grial 232 | crebas.gal en Artigo en QPC (XCIII): A potencia simbólica do topónimo Fisterra
- Florencio Delgado en 12 ligazóns e 2 vídeos | A profa en Unha lectura de Galicia infinda, de Florencio Delgado Gurriarán
- «A Pontragha», un poema para o libro Chegadas, Saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela – A Coruña, de Manuel Pazos Gómez | crebas.gal en «A Pontragha», un poema inédito na GaZeta (Revista de Agrupacións Poéticas de Base)
Histórico
- Agosto 2024 (1)
- Xullo 2024 (3)
- Xuño 2024 (1)
- Maio 2024 (3)
- Marzo 2024 (1)
- Febreiro 2024 (1)
- Xaneiro 2024 (1)
- Decembro 2023 (2)
- Novembro 2023 (1)
- Outubro 2023 (3)
- Setembro 2023 (1)
- Agosto 2023 (3)
- Xullo 2023 (3)
- Xuño 2023 (1)
- Maio 2023 (1)
- Abril 2023 (1)
- Marzo 2023 (3)
- Xaneiro 2023 (2)
- Decembro 2022 (2)
- Novembro 2022 (1)
- Outubro 2022 (3)
- Setembro 2022 (2)
- Agosto 2022 (1)
- Xullo 2022 (4)
- Xuño 2022 (2)
- Maio 2022 (10)
- Abril 2022 (2)
- Marzo 2022 (1)
- Febreiro 2022 (4)
- Xaneiro 2022 (6)
- Decembro 2021 (2)
- Outubro 2021 (1)
- Setembro 2021 (3)
- Agosto 2021 (1)
- Xullo 2021 (4)
- Maio 2021 (2)
- Abril 2021 (1)
- Marzo 2021 (1)
- Febreiro 2021 (3)
- Xaneiro 2021 (6)
- Decembro 2020 (9)
- Novembro 2020 (8)
- Outubro 2020 (2)
- Setembro 2020 (3)
- Agosto 2020 (2)
- Xullo 2020 (3)
- Xuño 2020 (1)
- Maio 2020 (6)
- Abril 2020 (6)
- Marzo 2020 (5)
- Febreiro 2020 (1)
- Xaneiro 2020 (5)
- Decembro 2019 (3)
- Novembro 2019 (2)
- Outubro 2019 (6)
- Setembro 2019 (5)
- Agosto 2019 (3)
- Xullo 2019 (4)
- Xuño 2019 (2)
- Maio 2019 (6)
- Abril 2019 (5)
- Marzo 2019 (4)
- Febreiro 2019 (2)
- Xaneiro 2019 (6)
- Decembro 2018 (3)
- Novembro 2018 (3)
- Outubro 2018 (6)
- Setembro 2018 (6)
- Agosto 2018 (6)
- Xullo 2018 (8)
- Xuño 2018 (10)
- Maio 2018 (9)
- Abril 2018 (2)
- Marzo 2018 (11)
- Febreiro 2018 (5)
- Xaneiro 2018 (8)
- Decembro 2017 (4)
- Novembro 2017 (2)
- Outubro 2017 (7)
- Setembro 2017 (7)
- Agosto 2017 (13)
- Xullo 2017 (7)
- Xuño 2017 (6)
- Maio 2017 (6)
- Abril 2017 (6)
- Marzo 2017 (8)
- Febreiro 2017 (11)
- Xaneiro 2017 (5)
- Decembro 2016 (8)
- Novembro 2016 (7)
- Outubro 2016 (10)
- Setembro 2016 (12)
- Agosto 2016 (13)
- Xullo 2016 (7)
- Xuño 2016 (12)
- Maio 2016 (18)
- Abril 2016 (18)
- Marzo 2016 (9)
- Febreiro 2016 (15)
- Xaneiro 2016 (16)
- Decembro 2015 (11)
- Novembro 2015 (21)
- Outubro 2015 (7)
- Setembro 2015 (7)
- Agosto 2015 (2)
- Xullo 2015 (13)
- Xuño 2015 (5)
- Maio 2015 (13)
- Abril 2015 (17)
- Marzo 2015 (17)
- Febreiro 2015 (17)
- Xaneiro 2015 (8)
- Decembro 2014 (16)
- Novembro 2014 (4)
- Agosto 2014 (4)
- Xullo 2014 (3)
- Xuño 2014 (2)
- Maio 2014 (4)
- Abril 2014 (8)
- Marzo 2014 (8)
- Febreiro 2014 (20)
- Xaneiro 2014 (9)
- Decembro 2013 (18)
- Novembro 2013 (7)
- Outubro 2013 (15)
- Setembro 2013 (29)
- Agosto 2013 (13)
- Xullo 2013 (20)
- Xuño 2013 (9)
- Maio 2013 (19)
- Abril 2013 (25)
- Marzo 2013 (20)
- Febreiro 2013 (23)
- Xaneiro 2013 (22)
- Decembro 2012 (20)
- Novembro 2012 (12)
- Outubro 2012 (12)
- Setembro 2012 (16)
- Agosto 2012 (25)
- Xullo 2012 (26)
- Xuño 2012 (19)
- Maio 2012 (41)
- Abril 2012 (35)
- Marzo 2012 (38)
- Febreiro 2012 (34)
- Xaneiro 2012 (40)
- Decembro 2011 (39)
- Novembro 2011 (47)
- Outubro 2011 (43)
- Setembro 2011 (43)
- Agosto 2011 (34)
- Xullo 2011 (31)
- Xuño 2011 (3)
Meta
Miro: Fantástica crónica a túa sobre o acto de entrega do premio xornalístico Reimóndez Portela a Héitor Picallo, o noso “Leonardo do Baño”.
Sen dúbida, onte foi un día memorable para “os bos e xenerosos”. As palabras do noso amigo, claras coma as augas dos nosos mananciais, reflectían o espírito inquebrantable e a autenticidade dun rapaz que, malia a súa mocidade, xa se ten convertido nun referente no noso país.
Parabéns ao noso benquerido Héitor por nos facer gozar de momentos tan intensos coma os de onte.
“Apertas tensas”, que diría Isaac Díaz Pardo.
Graciñas Miro, graciñas irmán,… Como se notan as cousas cando alguén te quere. Graciñas por vires, por convivires, por creres e amares, por amar amares o que é noso: esta lingua atlántica coma unha aperta fisterrá