Comunicado da Plataforma das Artes Escénicas no Día Mundial do Teatro


(Ilustración vía lasartesescénicas)
Comunicado da Plataforma das Artes Escénicas
As ARTES ESCÉNICAS son unha forma superior de expresión social e de creación patrimonial dunha comunidade humana e, polo tanto, constitúen unha das formas de tecer o discurso explicativo da nosa existencia.
As ARTES ESCÉNICAS son unha pequena parte do mundo que conforman unha tradición humana feita de singularidades e de xestos comunitarios, unha tradición democrática única porque é sempre cualificada polos filtros do tempo, e que no revés da historia, nas cociñas e nas prazas públicas, nos palacios e nos teatros, se foi constituíndo como unha poderosa instancia crítica.
Desde as ARTES ESCÉNICAS estamos convencidos de que os organismos gobernamentais que administran “o Público”, teñen que velar polo dereito que a cidadanía ten a disfrutar da CULTURA, e somos un perfecto exemplo histórico dunha xestión óptima de recursos públicos no que á relación cantidade-calidade se refire.
Somos iniciativas privadas, xestionadas desde a sustentabilidade e, en moitas ocasións con boas doses de autoemprego (cando non autoexplotación), recibimos axudas públicas aínda sen querer ser empresarios e, por máis que o explicamos, parece que as autoridades non entenderon que as nosas entidades non pretenden ter unha rendibilidade económica e que o noso manexo industrial é un medio para formalizar o que no fondo demandamos: dignificar o noso traballo e garantir un dereito da cidadanía.
Tendo en conta os recortes económicos soportados nos últimos anos (de 2009 a 2011 arredor dun 40%), sumado ao parón na contratación de espectáculos, e as nefastas previsións para o 2012, atopámonos nunha situación de verdadeiro risco. Risco na perda do dereito dos cidadáns a disfrutar dunha cultura libre e democrática, como na perda de arredor de 2000 postos de traballo que na actualidade dependen do sector das ARTES ESCÉNICAS.
Por todo o exposto a Plataforma das Artes Escénicas convida a profesionais e cidadanía en xeral a manifestarse o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro. A manifestación sairá da Alameda de Santiago de Compostela ás 19h. E ao seu remate arredor das 20,30h terá lugar no Salón Teatro un acto reivindicativo para conmemorar a data.
A PLATAFORMA DAS ARTES ESCÉNICAS está integrada por:
AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia)
ESCENA GALEGA (Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas)
DANESGA (Asociación de Danza Escénica Galega)
AFEARTE (Asociación de Festivais de Artes Escénicas)
ASILGA (Asociación de Ilusionistas Galegos)
SALAS DE TEATRO PRIVADAS
UNIMA GALICIA
APCG (Asociación de Profesionais do Circo de Galicia)
Asociación de alumnos/as da ESAD

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Teatro. Garda a ligazón permanente.