Coa poeta romanesa Ana Blandiana no ciclo Poetas Di(n)Versos no Ágora

Di(n)Versos
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Convidado pola poeta Yolanda Castaño, directora do ciclo, e a quen agradezo a convocatoria, mañá contra as 2o:30 horas estarei no Auditorio do Ágora coruñés para partillar unha lectura poética coa excelente poeta romanesa Ana Blandiana. Na imaxe reproduzo o díptico da xornada e deseguida a Nota de prensa que se lle enviou aos medios de comunicación.
Velaquí:
A GRANDE VOZ DA ROMANÍA XUNTO A UN DOS MELLORES POETAS DA COSTA DA MORTE: ANA BLANDIANA E MIRO VILLAR
Chega a terceira e última sesión outonal de POETAS DI(N)VERSOS, un novo recital poético dentro do ciclo mensual que está a celebrar o seu sétimo ano consecutivo, e que continuará estendéndose ata xuño.
O próximo luns 14 de decembro, coma sempre ás 20:30h no Auditorio do Ágora da Coruña, un man a man de altura achegará poesía en galego e en romanés para todos e todas as interesadas. O acto durará arredor dunha hora e, aos poemas estranxeiros, seguiranos traducións ao galego realizadas expresamente pola directora do ciclo, a tamén poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño. Ademais e como vén sendo habitual na alianza de POETAS DI(N)VERSOS coas librarías de barrio coruñesas, un novo establecemento de proximidade achegará ao público asistente os títulos dos convidados, ofrecendo a posibilidade de levar para casa as súas sinaturas.
Nesta sesión decembrina, os protagonistas chegan de extremos opostos de Europa, pero comparten unha mesma capacidade para tocar problemáticas colectivas, sociais e humanas sen abandonar nin por un intre o máis refinado lirismo. Trátase de Miro Villar (1965), unha das cabezas visibles do xa mítico colectivo poético “Batallón Literario da Costa da Morte”, doutor en Teoría Literaria e Literatura Comparada e profesor de lingua e literatura galegas ademais de narrador, poeta, tradutor, autor de obra infanto-xuvenil, estudoso e crítico literario. Responsable dun blog literario que fora Premio da AELG (www.crebas.gal), é un dos autores máis rigorosos da chamada “Xeración dos 90”, e un dos poucos que ten cultivado na contemporaneidade o metro clásico.
El fará parella poética coa gran dama da poesía de Romanía, Ana Blandiana. Nada en Timisoara en 1942, constitúe unha das conciencias artísticas e cívicas máis importantes de Europa do Leste, e o seu é un nome xa lendario nas Letras Romanesas. Autora de vinte e seis libros de poemas, relatos, novela e ensaio, son xa 46 obras as traducidas ata a 24 linguas distintas. Destacada opositora ao réxime de Ceaucescu, e mesmo se os seus poemas circulaban en miles de exemplares de maneira clandestina, os seus libros estiveron prohibidos no seu país dende 1959 ata 1964, e tamén en boa parte da segunda metade dos anos oitenta, polo que foi no exterior que recibiu o recoñecemento merecido. Hoxe é a pluma máis internacional do seu país e ostenta o título de Chevalier de la Legion d’Honneur da República Francesa.
Será unha lectura pública –aberta e gratuíta– de poemas en galego e romanés capaz de cativar a propios e estraños, e na que a Concellería de Culturas da Coruña segue apostando por un xénero aparentemente minoritario pero cargado de emoción e conexión co público. POETAS DI(N)VERSOS ronda o centenar de persoas de público de xeito mensual, e acadara o Premio da Crítica Galicia á mellor Iniciativa Cultural de 2014.
E velaquí a tradución ao galego dun poema de Ana Blandiana:
Igrexas fechadas
Igrexas fechadas
como casas cuxos donos partiron
sen dicir por canto tempo
nin deixar enderezo ningún.
Corren tranvías e bicicletas
pola cidade arriba e abaixo.
Berros, bucinas,
os habitantes apresurados
compran e venden, compran e venden,
comen de pé
e, moi de cando en vez,
sentan a tomar café
nunha terraza
a carón dunha catedral do século XI
á que miran sen ver
porque andan a falar por teléfono
e nin se lles ocorre preguntar
quen foi que viviu
algún día, hai moito tempo,
nunha casa tan grande.
 

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.