Cinema (II): Hiroshima, mon amour, de Alain Resnais (1959)


Hoxe, 6 de agosto de 1945, fanse 66 anos da barbarie da bomba atómica sobre Hiroshima (e en breve tamén será o aniversario da bomba sobre Nagasaki). O cineasta francés Alain Resnais realizou en 1959 o filme Hiroshima, mon amour que lembro ollar unha noite hai moito tempo en La2. Marabilloume a súa poesía. E pouco despois escribín un poema (unha décima) que se incluíu no libro 42 décimas de febre (Toxosoutos, 1994) e que moito lles debeu chamar a atención aos estudantes do IES Pintor Colmeiro de Silleda, pois o recollen na súa web logo dunha visita que fixemos ao centro varios poetas, convidados por esa magnífica lectora e profesora que se chama Gracia Santorum. Como acontece na película de Alain Resnais, utilizo nos meus versos Hiroshima como metáfora da devastación amorosa, nada a vez coa crúa realidade que sementou o bombardeiro B-29 de nome Enola Gay, naquel funesto día 6 de agosto do 1945, que nunca máis se debe esquecer.
Hiroshima, mon amour
Como a bomba de Hiroshima,
mon amour, o teu silencio
devastador evidencio
e abofé que teño grima
pois cobizo máis estima.
Non serei correspondente
dun olvido evanescente
porque o teu calar destrúe
o que o noso Amor constrúe
pouco a pouco , lentamente.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Cinema (II): Hiroshima, mon amour, de Alain Resnais (1959)

  1. Pingback: As crebas » Hiroshima, 6 de agosto de 1945 (fanse 67 anos)

Os comentarios están pechados.